A praza do Concello do Barco acollía ás oito da tarde deste 20 de maio unha nova concentración de apoio ao pobo Palestino, na liña das que se veñen celebrando dende o pasado mes de outubro baixo o lema “Galiza con Palestina”. Entre os asistentes nesta ocasión estaba o deputado do BNG no Parlamento de Galicia e concelleiro en Viana do Bolo, Secundino Fernández.
A concentración comezaba co berro de consignas como “Dende o río ata o mar, Palestina vencerá” e continuaba coa lectura dun poema de Luísa Villalta, a cargo de Pilar Alonso, titulado “Debilidade” e adicado a Palestina. Remataba con eses versos. “E eu confeso que son débil,/ que son moito máis débil que o odio/ máis débil que a pobreza ante a riqueza inegociábel/ máis estraña que o hábito vencido da represión./ Por iso pido a paz/ pido a paz a un estado popular/ para o pobo pobre/ débil coma min en Palestina”.
Finalmente, procedíase a ler un manifesto. “Hoxe, 20 de maio, data de solidariedade coa loita popular da clase obreira palestina, encontrámonos máis unha vez nas rúas para reclamar a fin do xenocidio e unha paz real e duradoira para o noso pobo irmán. Nesta nova xornada de mobilizacións por toda Galiza, que se complementan cos números actos, palestras, encontros e coas acampadas universitarias que desde aquí saudamos e apoiamos, cumprimos máis unha vez a promesa que nos fixemos todas e todos hai máis de 7 meses: non deixar de falar da Palestina, continuar nas rúas mentres duren os ataques sistemáticos e o xenocidio”. E pedían, entre outras cuestións, o “recoñecemento do estado palestino” e “xustiza e reparación para o pobo palestino”.
Esta mesma concentración estaba convocada esta mesma tarde nunha trintena de localidades galegas. Ademais ao rematar convócabase un novo acto para o vindeiro 3 de xuño.