ConcellosParada de SilÚltima hora

Novos estudos determinarán o estado de conservación da pedra na necrópole de San Vítor de Barxacova

Este xacemento altomedieval, situado no municipio de Parada de Sil, posúe 56 tumbas escavadas no propio afloramiento rochoso, restos dunha capela xa desaparecida e un forno de fundición de campás

Vista parcial da necrópole dende o alto da antiga capela./ Imaxe: Buceta, Gonzalo.

 

O Concello de Parada de Sil acaba de realizar un novo estudo pioneiro para a determinación do estado de conservación do granito na necrópole de San San Vítor de Barxacova (datada entre os séculos IX-X). Este xacemento posúe 56 tumbas escavadas no propio afloramiento rochoso, restos dunha capela xa desaparecida e conserva, aínda, un forno de fundición de campás entre outras estruturas arqueolóxicas. A necrópole está considerada, polas súas dimensións e datos históricos achegados, como a máis importante do noroeste peninsular.

Neste xacemento veñen realizando diferentes estudos ininterrompidamente desde o ano 2013. Desta forma caracterizouse a composición do granito do afloramiento, definido os seus parámetros físicos como a súa densidade e porosidade, executado estudos xeolóxicos, respecto diso o macizo rochoso, e mesmo se desenvolveu un estudo para a selección dos materiais de consolidación desta roca; que son aqueles que lle achegan maior resistencia, tal e como informan dende o Concello de Parada de Sil.

A causa de todos eses estudos deriva da degradación e meteorización detectadas na roca. Esa meteorización provoca unha perda constante de material, ademais doutras formas de alteración, que poden concluír coa completa desaparición de moitas das tumbas escavadas. “Do que se trata”, di o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, “é de que as xeracións vindeiras poidan gozar de maneira presencial deste xacemento descoñecido ata hai poucos anos”.

A partir deses estudos puidéronse caracterizar de forma moi precisa os mecanismos de degradación en superficie polo que os tratamentos de conservación e restauración, deseñados especificamente para o sitio, permitiron controlar en gran medida eses procesos de meteorización.
Durante este ano 2021 un novo estudo, realizado baixo a dirección de Gonzalo Buceta Bruneti, buscou dar un paso máis aló para avanzar na comprensión e avaliación do estado de conservación da roca, esta vez, baixo a súa superficie.

Para iso utilizouse unha técnica xeofísica de prospección coñecida como GPR (Ground Penetrating Radar) ou radar de penetración terrestre. Esta técnica non destrutiva baséase na emisión de impulsos electromagnéticos desde unha antena que traballa en modo biestático, baixo diferentes frecuencias e intensidades de onda. A onda electromagnética (EM) viaxa baixo o subsolo reflectíndose alí onde atopa cambios no material. Os datos son recollidos nunha unidade de control e, posteriormente, son analizados empregando un software específico. Os resultados quedan plasmados nos coñecidos como radargramas de cuxa interpretación se conclúen as formas de alteración existentes baixo a superficie e dedúcense, por tanto, os mecanismos químicos, físicos e biolóxicos.

Logo do éxito alcanzado nesta primeira experiencia, coa obtención de resultados que certifican a aplicabilidade do método GPR para a determinación do estado de conservación baixo superficie de bens culturais inmobles expresados en granito, o Concello de Parada de Sil en colaboración co Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural alcanzou un acordo para ampliar este estudo ao resto de áreas do xacemento (o primeiro estudo realizouse sobre 4 áreas moi concretas para estudar a súa viabilidade), así como para executar un estudo biolóxico que se centrará os seus esforzos na identificación de especies de liques, fungos, algas, etc. presentes na roca e que tamén participan da degradación paulatina da anterior.

“Con este proceder o Concello de Parada de Sil mostra, novamente, o seu compromiso coa protección do seu patrimonio cultural convertendo á necrópole de San Vítor de Barxacova no xacemento arqueolóxico, destas características, mellor conservado e estudado, polo método científico, de toda a península ibérica”, destacan dende o grupo de goberno local.

Para o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, constitúe “un orgullo continuar poñendo en valor o patrimonio e a memoria no camiño de construír un futuro con raíces”. O rexedor espera que neste ano 2022 se poida editar un libro con todos os estudos e escavacións realizadas neste xacemento.

Imaxes cedidas polo Concello de Parada de Sil.

 

Exemplo de radargrama obtido (a) e interpretación do mesmo ( b). As curvas moi pronunciadas marcan ocos baixo a superficie da rocha, as liñas descontinuas negras fisuras e fracturas, as curvas amarelas pouco pronunciadas cambios de transición entre materiais, os recadros amarelos descontinuos perdas de material e oquedades e o recadro verde marca a superficie consolidada para minimizar os efectos da meteorización do granito. Os datos proceden do perfil realizado na tumba 43. Os datos rexistrados obtivéronse a partir da utilización dunha antena de 2.3 Ghz [ Radargramas a partir de ReflexW, Buceta, G. (2021)].

Artigos relacionados

Back to top button