CulturaCulturaÚltima hora

O 28 OUFF estrea unha nova sección competitiva galega, “Panorama Galicia”

Nesta nova edición aposta pola creación emerxente e polo protagonismo de novos formatos na programación, coas OUFF Game Sessións, o concurso FAS MUVIS e OUFF en Curto

 

Chea de calidade, diversidade de xéneros e puntos de vista e cunha longa nónima de estreas galegas, españolas e absolutas. Así cualificaba a organización do 28º OUFF a programación deste festival, que se celebrará do 29 de setembro ao 8 de outubro, que se daba a coñecer esta mañá en Ourense. A posta en marcha en 2023 da sección competitiva galega é a gran novidade do Ourense Film Festival, que pretende poñer en pé de igualdade esta sección respecto da xa consolidada competición internacional. Desde o festival, que transforma a vida cultural e social da cidade e de parte da provincia durante dez días, remárcase o seu carácter de dinamizador do territorio, poñendo a súa historia, patrimonio e paisaxe no centro da creación audiovisual e, mesmo, impulsando rodaxes que dan a coñecer Ourense na pantalla grande.

Esta edición contará con máis dun cento de proxeccións e actividades co obxectivo de concentrar para os amantes do cinema e a cidadanía en xeral, unha selección do mellor cinema do momento. Sete documentais e tres filmes de ficción compiten na sección Panorama Galicia 2023, a gran novedade da 28ª edición do OUFF.

Así se destacou na acto de presentación celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde Miguel Anxo Fernández, director do festival, e Aurelio Gómez, coordinador xeral do mesmo, estiveron acompañados por Enrique Reinoso, director territorial de Abanca Ourense, José Luis Fernández, director de comunicación de Gadisa, Xosé Pastoriza, director de La Región, Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera, Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Luis Menor, Presidente da Deputación de Ourense.

Un acto para agradecer a implicación institucional e a colaboración de grandes e pequenas empresas da cidade e da provincia para levantar esta 28ª edición cun conxunto de programación exemplo de excelencia. O presidente da Deputación, Luis Menor, afirmou que logo de vinte e oito edicións e a continua e positiva resposta do sector e do público a este certame, “podemos afirmar que este é o Festival de Cinema de Galicia, o certame por excelencia do audiovisual galego, con referendo nacional e internacional”. Luis Menor puxo en valor, por outra parte, o carácter internacional “perfectamente definido” do festival, que non só permite posicionarse noutros países senón tamén “promocionar o noso sector por todo o mundo”. Máis de 300 filmes de 60 países chegaron á preselección do festival este ano, o cal dá idea da difusión do certame.

Coa aspiración de equiparar progresivamente a competición galega coa Sección Oficial Internacional do festival, os galardóns establecidos por primeira vez nesta categoría inclúen o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros e os premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación, cadanseu dotado con 2.000 euros. Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, subliñou que o OUFF. “non é só escaparate, senón motor do audiovisual galego. Desde a Xunta agardamos unha edición exitosa, cun festival que siga medrando e que siga achegando máis públicos á cultura desde o audiovisual”, apuntou.

O xénero documental domina na selección de películas galegas a concurso: Florencio na terra (2023), de Domingo D. Docampo, que narra a fuxida do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao comezo da Guerra Civil; A espada de Mouruás (2023), documental coa dirección da actriz Lucía Álvarez e estrea absoluta no OUFF; O camiño de Ramón Chao. Trala pista de Prisciliano (2023) de Aser Álvarez, co percorrido que realizou coa súa moto o xornalista e escritor Ramón Chao por diversos lugares de Europa no anos noventa; Manuel Falces. Inventario de Espejos (2022), coa dirección de José Manuel Mouriño, documental ao redor do profesor de Fotografía falecido en 2010, crítico do diario El País entre 1977 e 2009 e que dedicou practicamente toda a súa vida a unha obra fotográfica única; tamén documental o de Xavier Villaverde, María Casares, a muller que viviu mil vidas (2022), ao redor da vida da actriz galego-francesa exiliada cuxo centenario se celebrou o pasado ano; Más allá de los ojos cerrados (2023) de Norberto López Amado (Premio OUFF Ourense 2019) e Germán Roda, unha viaxe na procura dun pintor que nunca existiu, e, por último, o documental biográfico Emilia (2022) de Miguel A. Calvo Buttini, coa figura de Emilia Pardo Bazán e que xa foi premiados nos Gygnus e no Festival de Cine de Murcia.

Os filmes de ficción na competición galega do 28º OUFF son Slow (Lento) (2023), de Marika Kavtaradze, e coprodución de Lituania, Galicia e Suecia; tamén Nueva Tierra (2023, con estrea absoluta deste film de ciencia-ficción dirixido por Mario Pagano e que conta entre os seus intérprete con Andrea Duro, Iván Sánchez, Almar G. Sato, Imanol Arias, e Juan José Ballesta, e O corno (2023), drama dirixido por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, que chega á sección Panorama de Galicia tras ser a primeira película en galego en competición en San Sebastián.

Xurados 28º OUFF: mulleres profesionais, nove de dez

Dez profesionais do sector audiovisual compoñen os xurados das seccións competitivas do 28º OUFF, nove mulleres e un home. No caso da sección oficial Panorama de Galicia atopamos no xurado ao director, guionista e produtor Angel de la Cruz, á directora de casting Conchi Iglesias, e á actriz Estibaliz Veiga. Catro mulleres referentes do sector foman parte do xurado da Sección Oficial Internacional: a mexicana Estrella Araiza (México), actualmente a directora xeral do Festival Internacional de Cine en Guadalajara (FICG) e da Cineteca FICG. Inês Branco López, que traballa desde 2016 como programadora no Lisbon Film Festival (LEFFEST), e como directora adxunta do mesmo desde o ano pasado; Isabel Blanco, actriz e produtora de formatos para televisión e documentais; ademais de delegada de AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual) en Galicia, e a cuarta integrante é Almudena Carracedo, cineasta, en 2019 Goya polo documental El silencio de los otros e socia de CIMA. No caso de OUFF en Curto, sección tamén competitiva con quince pezas seleccionadas, o xurado componse por Ledicia Bellón, directora de fotografía e fotógrafa, que exercerá de presidenta; Mamen Casal, coordinadora de produción e vendas de Ficción Producións, e a directora de cinema Adriana Páramo.

Premios e recoñecementos 2023

Sete premios, sete figuras, sete traxectorias vinculadas á gran pantalla recibirán o recoñecemento no 28º OUFF. O festival ourensán celebra o centenario da cineasta Ana Mariscal co Premio Memoria Histórica que recollerá o seu fillo, David García; tamén a traxectoria doutro grande do cine español, Manuel Gutiérrez Aragón, que recibe o Premio OUFF Especial 2023. As Calpurnias de Honra, máximo galardón do festival, recaen en 2023, no caso da internacional, no director mexicano Arturo Ripstein, que estará na gala inaugural do 29 de setembro, e na actriz Loles León. Así mesmo as referentes galegas Mariana Carballal, Luisa Merelas e Olga Osorio, reciben nesta edición os premios Ourense, AISGE e Chano Piñeiro respectivamente.

Un dos trazos diferenciais do OUFF no panorama de festivais galegos é a contía dos premios para as películas en competición. No caso da Sección Oficial Internacional, a Calpurnia á mellor película está dotada con 12.000 euros e trofeo (escultura creada por Manuel Buciños); a sección conta con cinco premios máis, o Premio OUFF Carlos Velo á mellor dirección con 4.000 euros, Especial do Xurado, Mellor Guión e Mellor Interpretación, con 3.000 euros cada un, e o Premio do Público, tamén de 3.000 euros.

Videoxogos, formación e creación emerxente

Unha das vertentes nas que traballa con maior convencemento o equipo do festival é na conexión coa creación emerxente e con novos formatos que se incorporan á programación. Na sección OUFF en Curto poderemos ver traballos de novos creadores e doutros consagrados, mostrando o potencial da curta na expresión audiovisual galega, e no caso do concurso FAS MUVIS son equipos de mozas e mozos os que afrontan o reto de rodar unha peza en 48 horas. Ambas liñas confluirán nunha gala o 6 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense.

Mostrar o potencial da industria do videoxogo e a súa relación co sector audiovisual motivaron á organización do Ourense Film Festival (OUFF) a estrear sección en 2023: OUFF Game Sessions. A aposta do festival ourensán estrutúrase, por unha parte, no Foro “Videoxogos, a nova narrativa audiovisual”, e, por outra, na establecendo catro galardóns dirixidos a estudios e profesionais de Galicia: Mellor Videoxogo -cun premio de 800 euros-, Mellor Narrativa, Mellor Arte e Proposta máis Innovadora, con 400 euros e trofeo cada un deles. A xornada de videoxogos no 28º OUFF terá lugar o domingo 1 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Un festival para potenciar o territorio

O Teatro Principal, as salas de cine Pontevella, o Cineclube Padre Feijoo e o Auditorio Municipal son os recintos principais da cidade no festival, recintos que se enchen de público durante os dez dias do certame. Pero o OUFF espállase por parte da provincia con iniciativas como os roteiros de cinema en diferentes localidades ou o cinema na cadea de Pereiro de Aguiar. Tamén recolle o OUFF outras expresións artísticas xordidas na contorna, como por exemplo a música, que terá un papel relevante nesta 28º edición coa participación, entre outros, da Xove Orquestra Ourensanía, a recoñecida Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense, a Burgas Big Band ou a Banda a Lira de Ribadavia. O obxectivo: a proxección das diferentes expresións culturais nacidas na contorna.

No acto do luns 25, o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández, destacou que o festival é reflexo “dun tempo no que a cultura da imaxe se manifesta diversa e transversal, a través dos filmes e de todo o que xeran a seu arredor, sexan homenaxes a traxectorias profesionais, encontros vinculados ao sector, debates, obradoiros, propostas de futuro, publicacións, concertos ou unha exposición como Series de Chema Prado”. Desde a súa creación en 1996, o Ourense Film Festival (OUFF), consolidouse como promotor do cinema de autor e ao tempo social, mantendo o seu compromiso de erixirse no punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia, ao tempo que producir un importante retorno económico para a cidade. E é que, tal como se insistiu no acto de presentación do 28º OUFF, a promoción da provincia de Ourense, incluíndo o apoio ás rodaxes a través da Ourense Film Comission para poñer en valor o noso territorio ofrecendo aos creadores audiovisuais paisaxe, patrimonio e historia, é obxectivo prioritario do proxecto.

Artigos relacionados

Back to top button