ConcellosCulturaCulturaEn portadaLaroucoÚltima hora

O achado dun forno cerámico romano abre unha nova porta ao pasado imperial de Larouco

Durante unhas obras nese punto aparecían restos de tegulas e o lugar era obxecto dunha das sondaxes que o equipo de Xeitura Patrimonio SCoopGal está a realizar dentro dun proxecto de dinamización enoturística promovido polo Concello

Forno cerámico de orixe romana atopado no Alto do Barreiro en Larouco./ Foto: Xeitura Patrimonio SCoop. Gal.

 

Multitude de restos de tegula (tella romana) e de de vasillas era o material que atopaba o equipo de arqueólogos de Xeitura Patrimonio SCoop.Gal hai uns días no interior do forno cerámico romano que descubrían durante unha sondaxe no Alto do Barreiro en Larouco, unha zona moi próxima a dos lagares rupestres tamén atopados este ano. “Este lugar non estaba catalogado, descoñecíase que houbese un xacemento arqueolóxico aí. Estes restos apareceron nunhas obras do Concello para facer unha pista de acceso aos viñedos. A alcaldesa de Larouco foi velas e decatouse de que había moitas tégulas no chan, entón mandou parar a pa, notificouno e catalagouse como un probable xacemento romano”, explica o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, de Xeitura Patrimonio SCoopGal.

A partir de aí esta zona incluíuse dentro das sondaxes que estaba a realizar en setembro este equipo de investigadores en Larouco no marco dun proxecto de dinamización enoturística impulsado por este Concello a través do GDR Valdeorras, contando con financiamento do Agader, e que incluía tamén a creación e posta en marcha da Ruta dos Lagares e Vía Romana. Comezaban facendo unha sondaxe na área do Pombal, ao carón da Casa Grande de Freixido, onde xa se coñecía a presenza de numerosos restos romanos, entre eles o famoso Togado de Freixido.

“Fixemos unha sondaxe arriba, no único tramo onde pensamos que se podía conservar material. Confirmamos a existencia do xacemento e localizamos materiais en posición secundaria, moita cerámica, tégulas, etc, pero as estruturas do que puido ser aquilo probablemente xa foron arrasadas polas construcións, tanto do pazo como das casas que hai ao carón. Entón a sondaxe foi positiva porque localizamos os restos, pero negativa no senso de que non hai nada que poñer en valor alí”, comenta Martiño Xosé Vázquez, director da intervención.

Días despois, os investigadores trasladábanse ao Alto do Barreiro para realizar unha nova sondaxe no lugar onde aparecían restos de tégula durante unhas obras. Desta volta, a intervención daba positivo tanto en materiais como en estruturas. “Levamos a cabo unha prospección intensiva e vimos que había moita tégula e, na zona de maior concentración de tégula, fixemos unha sondaxe e sacamos un forno cerámico, probablemente de tellas de época romana e probablemente de época baixoimperial porque hai un tipo de cerámicas que nos dan datacións. Así, temos unha cerámica concreta que é unha imitación da sigillata e que fala dunha época tardía xa, probablemente século IV ou V despois de Cristo, pero non máis atrás do III. O forno posúe unha parte que conserva o perpiaño moi ben labrado en granito, perfectamente asentado, e que chama a atención, pero non podemos concretar a súa tipoloxía, se é rectangular, circular, de parrilla… E tampouco podemos determinar se hai máis estruturas asociadas á forno como puidera ser algún tipo de dependencia tipo taller. Para poder avanzar neses sensos teríamos que escavar”, indica este arqueólogo, que matiza que está prevista unha terceira sondaxe no municipio.

 

Outra imaxe dos restos deste forno romano./ Foto: Xeitura Patrimonio SCoop. Gal.

 

Ruta dos Lagares e Vía Romana

Estas sondaxes arqueolóxicas forman parte do proxecto dinamización enoturística a través do cal se creaba este verán a Ruta dos Lagares e Vía Romana de Larouco. “O proxecto tiña dúas partes. Por unha banda a creación e sinalización das rutas, a sinalización tamén de recursos patrimoniais como o Pazo de Freixido, a igrexa de Larouco ou os lagares rupestres, algo que xa se fixo e mesmo se realizaron xa percorridos. E, por outra banda, estaba a parte máis de investigación, de intentar sondear diferentes zonas para ver que potencialidade patrimonial teñen de cara ao futuro, buscando tamén integralas dentro da propia ruta como un recurso cultural máis”.

Así, a finalidade deste proxecto, desenvolvido a través do GDR Valdeorras, é “aportarlle ao Concello informes de valoración patrimonial destes lugares de interese de cara a que os poida integrar na Ruta dos Lagares e Vía Romana para poder investigar o pasado de Larouco, pero tamén intervir neles, musealizar eses puntos e seguir engadindo valor ao municipio nesa estratexia que ten o Concello de dinamización complementaria ao mundo do viño”, conclúe Martiño Vázquez.

Artigos relacionados

Back to top button