Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O acordo entre nacionalistas e socialistas en Viana faise esperar

O BNG vianés vén de emitir un comunicado no que expón os termos da súa negociación co partido socialista
Secundino Fernández, cabeza de lista do BNG en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.
Secundino Fernández, cabeza de lista do BNG en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

O pacto aínda non está pechado. Sen embargo, o BNG-Asembleas Abertas de Viana do Bolo entende que, a falta de apenas dous días para a constitución da nova Corporación vianesa, aínda é posible chegar a un acordo cos socialistas para poder “conformar un goberno de coalición estabábel, eficaz e democrático para os próximos catro anos”. Así o asegura o seu portavoz, Secundino Fernández, nun comunicado que vén de facer público esta formación política na tarde do 11 de maio. Nel lémbrase que “o resultado electoral das pasadas eleccións municipais trouxo como resultado un cambio histórico en Viana. Falou o pobo e retiroulle a maioría absoluta ao alcalde Montesinos, dándolle a alternativa ao BNG”.

Neste senso, e co fin de lograr un goberno “que responda ao sentir maioritario dos veciños/as”, a formación nacionalista “ten levado a cabo negociacións para formar un goberno de coalición” entre o BNG (con 5 concelleiros) e o PSdeG-PSOE (1 concelleiro), “que estaría presidido por Secundino Fernández como alcalde”.

Na súa nota, o BNG vianés tamén explica que as negociacións deixaron “consensuado un programa de goberno de 30 puntos, recollendo os compromisos e programas das respectivas formacións políticas”. E matiza os puntos que se lle ofreceron ao partido socialista: “a segunda tenencia alcaldía, integración na xunta de goberno local, concellerías delegadas ou delegacións. Negociaríase unha delegación para o PSdeG-PSOE”, así como “crear unha comisión de Persoal e unha Mesa de Contratación, con representación de todos os grupos municipais”.

Finalmente, neste comunicado, o BNG-Asembleas Abertas confía en que “a responsabilidade e respecto á vontade expresada nas urnas polos veciños/as de Viana, fagan posíbel a sinatura en breve dun acordo de gobernabilidade”.

Artigos relacionados

Back to top button