EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde de Verín reivindica en Mondariz o papel de tractor económico das infraestruturas termais

Analizaba o impulso de Verín nas rehabilitacións balnearias nunha xornada do Consello da Cultura Galega

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, durante a súa intervención en Mondariz./ Foto: Concello de Verín.

 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, referíase hoxe en Mondariz ao caso “de éxito de Verín no impulso da recuperación das infraestruturas termais”, asegurando que “hai que repetir o exemplo dos séculos XIX e XX, no que o establecemento dunhas instalacións balnearias supuxo a articulación de núcleos urbanos coma Verín ou Mondariz”, ademais de “instaurar elementos tractores da economía local” que potenciaron o desenvolvemento destas vilas. O rexedor participaba nun ciclo específico dentro dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega e que se realiza no lugar onde se localiza o elemento patrimonial no que se centra a actividade

Ademais explicaba como en só catro anos Verín experimentou un reimpulso das súas infraestruturas termais de Fontenova e Caldeliñas, antes de 2016 en estado de total abandono e pechadas ao público, “mediante actuacións de emerxencia e o impulso da complexa maquinaria administrativa para a súa rehabilitación”.

Baixo a premisa política de que “o movemento se demostra andando”, o rexedor de Verín desgranou as actuacións que serviron, en pouco máis de dous anos, para reabrir ao público ambas surxencias históricas, destacando que a “rehabilitación do entorno correu parella á solicitude das declaracións de utilidade pública e demais mecanismos legais de cara a continuar o complexo proceso de recondicionamento”.

Nestes momentos, dicía Gerardo Seoane, “grazas a aqueles primeiros esforzos estamos emprendendo o axardinamento dunha gran lámina verde, un verdadeiro parque medioambiental e termal, que incremente o papel de gran pulmón verde que tiña Fontenova hai cen anos”.

Mediante un audiovisual que amosou a evolución de ambas surxencias nos últimos anos, Seoane foi detallando os pasos a seguir, lembrando como no seu día a creación dos establecementos balnearios permitiu o nacemento de rúas, establecementos comerciais, desenvolvemento mercantil “e outros elementos de artellamento urbano que construíron a realidade do que foi Verín durante 100 anos”.

“Hoxe o desafío é repetir aquela proeza, e mediante a captación de recursos de todo tipo, entre os que agardemos que teñan un papel destacado os novos fondos europeos, pero tamén a iniciativa privada, poder voltar a articular o desenrolo das vilas termais mediante o rexurdimento dos recursos balnearios”, sinalaba o rexedor de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button