ConcellosÚltima hora

O alcalde do Barco e presidente da Fegamp pon data á renovación dos órganos directivos desta entidade

A Federación Galega de Municipios e Provincias celebrará a súa X Asemblea o 29 de novembro en Santiago

Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp, dando conta ante os medios da convocatoria da vindeira asemblea desta entidade.

 

A piques de rematar o mandato 2015-2019, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde do Barco, Alfredo García, anunciaba a data na que se procederá á renovación dos órganos directivos desta entidade. Así vén de convocar nesta mañá a X Asemblea Xeral deste organismo baixo o lema “O Valor do Poder Local”. Celebrarase o 29 de novembro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.

O presidente, realizando unha valoración desta etapa ao fronte da Fegamp, sinalou a “capacidade para chegar a acordos por consenso” da Fegamp como “un dos piares básicos” do seu mandato a través do cal se acadaron “fitos relevantes para o municipalismo”.

Alfredo García quixo matizar a escolla do lema desta asemblea, indicando que “ten un triplo significado xa que se refire tanto ao valor económico que aportamos os representantes locais, como ao valor que teñen os/as alcaldes/alcaldesas ao enfrontar os retos municipais que temos por diante, así como ao valor de estar na política municipal xa que é á primeira porta á que chama a veciñanza e que está sempre aberta”.

Xunto aos vicepresidentes da entidade (o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero), o presidente da Fegamp, explicou a orde do día prevista para a asemblea e fixo un breve resumo dos tres relatorios: o primeiro exporá cuestións sobre financiamento local, competencias e servizos; o segundo versará sobre organización e autonomía administrativa e territorial; e un terceiro exporá os retos da transformación dixital no poder local.

Os tres relatorios, que xa están en fase de revisión por parte dos concellos, conteñen máis de 100 resolucións que serán debatidas, para ser ratificadas ou non pola asemblea, xa que serán as liñas a seguir no futuro pola Federación.

Artigos relacionados

Back to top button