OurenseÚltima hora

O ano hidrolóxico 2021-22 conclúe como o 2º máis seco da serie histórica por detrás do 2016/17

"É fundamental que os Concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsable da auga”, sinala o presidente da CHMS

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil fai balance do ano hidrolóxico 2021-2022, comezado o 01 de outubro de 2021 e terminado o pasado 30 de setembro, que conclúe como o segundo ano máis seco da serie histórica, por detrás do ano 2016/17.

“Estamos ante unha situación de seca prolongada xeneralizada na demarcación debido á falta de precipitacións; mensualmente poderiamos destacar o mes de xuño como húmido; outubro e agosto como secos; e novembro, xaneiro, febreiro, abril, maio e xullo como moi secos”, explicou o presidente.

A precipitación acumulada media foi de 694,6 l/m2, un 39 % por baixo da media histórica. No ano hidrolóxico anterior, 2020/21, rexistrouse unha precipitación de 1.159,4 l/m2, un 2 % por encima da media e un 67 % por encima da do ano 2021/22.

Analizando os resultados en cada unha das unidades territoriais nas que se divide a Demarcación, o ano hidrolóxico 2021/22 se categoriza como “extremadamente seco”, precipitación por baixo do mínimo da serie histórica, nas unidades Miño baixo e Limia, e “moi seco” no resto, Miño Alto, Sil Superior e Inferior e Cabe.

 

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, despois dunha das reuncións celebradas este ano pola Mesa Técnica da Seca.

 

Encoros

En relación cos encoros da Demarcación, pecharon o ano hidrolóxico ao 43,73 % da súa capacidade máxima. Este volume é un 0,88 % maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 42,86 %, e un 10,81 % menor que a enchida media histórica nestas datas do ano, 54,54 %.

Caudais circulantes

No relativo aos caudais circulantes ao peche do ano hidrolóxico, 30 de setembro, atópanse de media un 28,4% por baixo da media histórica.

“Tendo en cuenta estes datos e que as predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca persiste, é fundamental que os Concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsable da auga, lembrándolles que estamos ante un recurso imprescindible, limitado e dependente das condicións climáticas”, concluíu o presidente da CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button