DeportesPiraguismoÚltima hora

O Barco acollerá esta fin de semana diversas probas nacionais de Descenso de Augas Bravas no Sil

Prevese a asistencia duns 15 clubs de piragüismo principalmente do norte de España

Publicidade
Presentación das probas nacionais de augas bravas desta fin de semana no Barco.

 

A vindeira fin de semana O Barco acollerá o Campionato nacional de Descenso de Augas Bravas en distintas modalidades no río Sil. É xa “dun clásico das festas de Santa Rita e un ano máis o éxito está asegurado porque hai 15 clubs, un 260 padexeiros, principalmente do norte de España, polo tanto o río Sil vai estar concorrido os días 14 e 15 de maio”, tal e como aseguraba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso na presentación deste evento deportivo, xunto a representantes do Club Fluvial Barco.

Trátase do Campionato de España de Descenso de Augas Bravas nas modalidades clásica (o sábado pola tarde) e sprint (domingo), do Campionato de España de patrullas clásica (sábado pola tarde, en equipos de tres padexeiros) e do Campionato de España de xoves promesas (categorías anteriores aos cadetes, sábado pola mañá) en descenso de augas bravas. Todas serán organizadas pola Federación Galega de Piragüismo e polo Club Fluvial Barco, en colaboración co Concello do Barco.

As probas volven ser puntuables para a liga estatal de Descenso de Augas Bravas “e agora mesmo estamos tres clubs loitando por ela e dependendo de quen gane esta fin de semana, pois farase co título de liga. Eses tres clubs que loitarán pola regata e polo título nacional son o Sícoris de Lleida, Montaña Quixós de Monforte e o Fluvial Barco”, sinalaba Fernando García Viso, dende o Fuvial Barco.

O Fluvial Barco participará na probas con 20 padexeiros en cada modalidade, “é o ano con máis participación. O obxectivo é intentar ganar as máximas categorías posibles sacando os máximos puntos. Competimos en varias distancias, tanto en canoa como en K-1, levamos xa un par de meses preparando esta regata e é o principal obxectivo que temos nesta tempada”, indicaba Jesús Rodríguez León, do Fluvial Barco. Ademais engadía que esta regata é a última da liga nacional de descenso e que aquí tamén se xogan “os postos para participar no campionato do mundo de augas bravas que será a primeira semaña de xuño en Francia. De aquí sairán os padexeiros que compitan co equipo nacional”.

Agradecemento especial a Iberdrola

García Viso agredeceu o apoio do Concello para poder levar adiante este evento, así como dos patrocinadores, facendo especial mención a Iberdrola que “é a que pon a materia prima, ademais nun ano con tan pouco pluviometría tiveron que facer un esforzo importante para podernos dar o caudal adecuado para poder facer a regata”.

Tamén se agradecía a colaboración de Ambulancias Sil, a Protección Civil e aos colaboradores coa organización que “velarán pola seguridade”.

Artigos relacionados

Back to top button