Con motivo da celebración o vindeiro mércores 20 de novembro do Día Internacional da Infancia, o Teatro Lauro Olmo do Barco acollerá un acto de celebración e conmemoración, no que participarán nenos das catro escolas
de primaria do municipio. A partir das 11 horas, reuniranse no auditorio estudantes dos CEIP Julio Gurriarán, Condesa Fenosa, Divina Pastora e Otero Pedrayo de Viloira, que levan dende outubro preparando as presentacións e as temáticas que exporán este día.
As investigacións centráronse en analizar a evolución dos xogos, os traballos, a escola e a comunicación desde os anos 40, e ata chegar á actualidade, tratando de determinar as razóns destas mudanzas. O acto organizado polo Concello no Teatro Lauro Olmo dará a oportunidade aos escolares de compartir neste acto o seu traballo e de relacionalo cos dereitos da infancia, na conmemoración do 30 aniversario da Convención dos Dereitos do Neno.
No acto estarán presentes o alcalde do Barco, Alfredo García, e o concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, e contarase como mestres de cerimonia coas integrantes no Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) do Barco, creado a principios deste ano. Elas guiarán a xornada e exporán os avances que levan feito e, ademais, explicarán como entenden a participación no municipio, segundo se adianta dende o Concello do Barco.
O ano pasado, nesta mesma data, o Concello do Barco anunciaba a súa intención de formar parte do proxecto de UNICEF Cidades Amigas da Infancia. Neste marco creouse este CLIA no que as nenas e nenos do
municipio poden opinar e facer propostas sobre políticas locais.
Neste senso, o próximo 22 de novembro o CLIA do Barco asistirá, no Parlamento de Galicia, ao VII Foro de Participación Infantil. Este foro ten por obxectivo o de dar voz aos nenos e ás nenas para que, traballando
previamente nos seus Consellos Locais de Participación Infantil e Adolescente, as cuestións que son da súa preocupación e interese, poidan aportar durante o pleno a súa visión de como estas se ven reflectidas nas súas vidas e na de millóns de nenos que se atopan en países en vías de desenvolvemento. Aproveitando a viaxe ao Parlamento, o CLIA tamén visitará o MUPEGA (Museo Pedagóxico Galego).