ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco contará cun curso da AGASP de 27 prazas para formación de socorristas profesionais

Os inscritos que resulten admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 9 de abril na piscina climatizada

 

As instalacións da piscina climatizada do Barco acollerán nos meses de abril e maio as clases teóricas e prácticas dun curso de formación específica de socorrismo, dirixido a persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo. O curso será impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), e “O Barco é o único concello de Galicia no que se desenvolverá este ano este curso de formación”, segundo indica esta administración local, que o solicitou “para paliar a carencia de socorristas profesionais na comarca de Valdeorras”.

O DOG publicaba hoxe as bases e as condicións de inscrición neste curso con 27 prazas en total. Os interesados –calquera persoa pode optar a esta formación, sen necesidade de residir en Valdeorras- deben entrar no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240322/AnuncioO3C2-150324-0001_es.html para consultar tanto as condicións establecidas para poder formalizar a inscrición, como para acceder ao formulario para poder participar neste curso. Os inscritos admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 9 de abril na piscina climatizada municipal do Barco.

A formación desenvolverase entre o 12 de abril e o 1 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. Tanto as clases teóricas como as prácticas desenvolveranse na piscina climatizada. Os participantes serán formados en socorrismo tanto en instalacións deportivas como en espazos acuáticos naturais.

Este é o segundo curso profesional de socorrismo que se celebra no Barco, tras o que tivo lugar o ano pasado.

Artigos relacionados

Back to top button