
Dende o vindeiro luns, 5 de xullo, estará aberto o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario, destinadas ao alumnado empadroado e escolarizados nalgún dos cursos de segundo ciclo de Educación Infantil (3,4,5 anos) nos centros de ensino do Concello para o curso 2021/2022, tal e como figura nas bases publicadas hoxe no Boletín Oicial da Provincia (BOP). As solicitudes e a documentación requerida poderán presentarse ata o 30 de xullo, incluído, no rexistro do Concello do Barco ou por sede electrónica.
O obxectivo destas bolsas, “cun orzamento total de 4.000 euros, é contribuír a que a igualdade no dereito de acceso á educación sexa real e efectiva; velar pola equidade no sistema educativo sostido con fondos públicos; e colaborar coas familias que teñen máis dificultades económicas no esforzo económico que comporta o inicio do curso escolar”, tal e como se sinala dende o Concello do Barco.
As bolsas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. Non serán compatibles con calquera outra que se perciban coa mesma finalidade, doutras entidades públicas ou privadas, non concedéndose bolsas para os cursos xa subvencionados pola Administración Autonómica e/ou Estatal. Tampouco se subvencionarán os cursos gratuítos.
As bases e os anexos para a presentación das solicitudes poden consultarse na sede electrónica do Concello do Barco, seguinte enlace:
https://www.sede.concellodobarco.org/vd/Default.aspx?key=ywhv8ARPM/nr0PlcW+YkqPMuH4pT00S0S1I0OLZ1KaJNe+eFbpZPJgiMCEzInM+IelfKtcNjJ6uSUVL4+RodRg==