En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco déixase envolver polos versos de Manuel María

A praza Maior da vila acollía o espectáculo “Non hai canto tan fermoso: fino como un asubío” na tarde do 17 de maio

Música e poesía fundíanse na tarde do 17 de maio no Barco. Ao longo dunha hora os versos de Manuel María, poeta homenaxeado nas Letras Galegas do 2016, recitábanse, interpretábanse e cantábanse con diferentes estilos e ritmos por parte dos veciños desta localidade no marco do recital “Non hai canto tan fermoso: fino como un asubío”. Resultaba un espectáculo literario ameno, moi participativo e dinámico que remataba co público acompañando á Coral Mariñán na súa interpretación da popular peza “O Carro”.

Era case unha hora de recital que arrancaba ao ritmo da gaita galega de Mauro Docampo, que tocaba “Jota de Gheada”. De seguido íanse intercalando as lecturas de diversos versos nas voces de seis membros de Gargallada Teatro (Manuel González, Manuel Caramés, Noemí Pinto, Sol Rodríguez, Reyes Limia e Lalo Santos) coas actuacións de Anxo Rei e SdeRap (Saúl Rodríguez), que lle daban o seu toque persoal e musical, por separado, a un mesmo poema: “A fala”.

Ademais a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, despois de ler o poema que pecha o libro “Cancioneiriño de Valdeorras”, presentaba a reedición deste poemario que Manuel María lle dedicaba a esta comarca e que vía a luz no 2003. “Nese ano coincidían dous feitos: a conmemoración do nacemento do poeta Florencio Delgado Gurriarán e a entrada na Real Academia Galega de Manuel María”, matizaba. Esta reedición fíxoa o Concello do Barco coa colaboración da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. A concelleira aproveitaba tamén para reivindicar neste acto unhas Letras Galegas para Delgado Gurriarán, natural de Córgomo (Vilamartín).

De seguido, subíanse ao escenario Jorge Álvarez e Armando Pérez para interpretar “O Cuco”, peza que soaba tamén minutos despois nas voces dos membros do Orfeón Valdeorrés. E tras a citada actuación da Coral Mariñán, o acto concluía coa entrega de exemplares do “Cancioneiriño de Valdeorras” aos asistentes.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button