O vindeiro mércores 22 de novembro a Corporación do Barco está convocada a un pleno extraordinario no que se someterá a votación a proposta de orzamentos elaborada polo grupo de goberno local para o vindeiro ano 2024. Así o avanzaba o alcalde, Alfredo García, esta mañá en rolda de prensa, na que tamén concretaba que ese proxecto de orzamento ascende a uns 10.720.000 euros, o que supón un aumento duns 800.000 euros con respecto ao do ano 2022, xa que no 2023 os orzamentos estaban prorrogados.
O rexedor cualificaba de “realista” este orzamento tanto no relativo ao capítulo de ingresos (que inclúe a suba do IBI no 2024, que suporá un 6% máis de ingresos por este imposto) como no dos gastos. Ademais nel contémplanse os incrementos previstos en gastos de persoal para o vindeiro ano.
Alfredo García falaba, no relativo aos investimentos, que están pendentes do financiamento dos plans provincias da Deputación para o 2024 e valoraba de xeito moi positivo a decisión do presidente deste organismo de plantexar “un plan único para o próximo ano, no que calculamos que, entre os plans provinciais e os de emprego, poderiamos recibir uns 414.000 euros aproxidamente”. Alfredo García concretaba que dúas serán as obras que se incluirán nos plans provinciais: a renovación integral de servizos no Castro (que se estima nuns 300.000 euros) e unha actuación para cambio de tubaxes e realización de beirarúas na rúa Ribeira (uns 120.000 euros).
Por outra banda, en materia de investimentos o alcalde aseguraba que logo da importante relación de obras aprobadas no 2023, con carto ao remanente de tesourería, algunhas delas están adxudicadas se ben non puideron iniciarse debido a problemas das empresas para poder cumprir cos seus compromisos; mentres que outras están pendentes de sacar a concurso. En todo caso, prevese a súa execución ao longo do vindeiro exercicio.
Tamén apuntaba o alcalde que no 2024 se espera contar con achegas doutras administracións en convenios para proxectos como a construción dun paso soterrado para superar a vía do tren á altura da rúa Xirimil ou o de remodelación do Salgueiral e construción cunha senda verde, que en conxunto suporían un investimento total duns 4 millóns de euros.
Ademais a pretensión do grupo de goberno socialista é manter os servizos e as subvencións municipais no vindeiro exercicio.