“Non hai canto tan fermoso, fino como un asubío” é o título do espectáculo co que O Barco celebrará o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas. Trátase dun acto moi especial que se celebrará a partires das oito da tarde na praza Maior da vila. Nel incluírase o “recitado e interpretación de poemas e cancións de Manuel María no que participarán varias agrupacións e artistas da comarca, achegando cada unha delas a súa particular maneira de ler e interpretar a obra do poeta chairego”, tal e como se adianta dende a Concellería de Cultura.
Será por tanto poesía e música compartida. Entre os participantes no espectáculo estarán os membros de Gargallada Teatro: Noemí Pinto, Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel González, Lalo Santos e Manuel Caramés. Tamén poderá escoitarse ao cantautor valdeorrés Anxo Rei, así como a Coral Mariñán, Mauro Docampo, Jorge Álvarez & Armando Pérez, o Orfeón Valdeorrés e SdeRap.
Asemade no decurso deste acto terá lugar a presentación da reedición do Cancioneiriño de Valdeorras, realizada dende o Concello do Barco en colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos.