“O obxectivo é planificar O Barco do 2030”. Deste xeito se refire o alcalde do Barco, Alfredo García, cando fala do borrador do proxecto da Axenda Urbana do Barco, no que se está a traballar dende o Concello. “Nesta iniciativa xa vimos traballando dende hai uns 6 anos dende o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, daquela os fondos para planificar cidades de forma sostible ían destinadas só a cidades de máis 20.000 habitantes, despois dunha serie de reunións, tanto en Madrid como en Bruxelas, logrouse cambiar iso e na convocatoria dos novos fondos van aparecer o que se chaman Áreas Funcionais, é dicir, poboacións de entre 10.000 e 20.000 habitantes e que estean nunha comarca de máis de 20.000 habitantes, e aí é onde entraríamos nós”, explicaba esta mañá ante os medios o alcalde do Barco, Alfredo García.
De cara a solicitar esa axuda cando saia a convocatoria do goberno central, o Concello xa conta cun estudo previo, “e o seguinte é elaborar unha diagnose do Plan de Acción da Axenda Urbana do Barco”, que estamos poñendo en marcha”, aseguraba o alcalde. Este plan de acción contempla 10 obxectivos estratéxicos: ordenar o territorio e facer un uso racional do solo, conservalo e protexelo; evitar a dispersión urbana e revitalizar o núcleo existente, previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia; facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular, favorecer a proximidade e a mobilidade sostible, fomentar a cohesión social e buscar a equidade, impulsar e favorecer a economía urbana, garantir o acceso á vivenda, liderar e fomentar a innovación dixital e mellorar os instrumentos de intervención e gobernanza.
Outra cousa que esixirá para poder solicitar a axuda será un proceso de participación público, que no caso do Barco vaise facer a través de internet no seguinte enlace https://es.surveymonkey.com/r/AU_OBarco
Aí pode accederse a unha enquisa online moi sinxela e dunha ducia de preguntas. Ademais o alcalde adiantaba que en decembro terá lugar unha reunión coa veciñanza sobre este tema, cuxa data se fará pública tamén a través dos medios.