O Instituto de Estudos Valdeorreses dá a coñecer o nome dos gañadores do XII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual, no que participaron 19 obras.
Os gañadores resultantes do fallo, emitido o pasado 5 de novembro na Casa Grande de Viloira por un xurado composto por un profesor, unha xornalista e un fotógrafo profesional, avalados polo presidente da institución cultural valdeorresa e varios membros da súa directiva son: Lois Prada Ferrer, 1º Premio pola foto “Esessss”; Jorge Fernández Fernández, 2º Premio pola foto “Hologramas non Camiño de Inverno”; e Margarita Rodríguez Blanco, 3º Premiopola foto “Brinde de Don Godello con Doña Mencía”. Os dous accésit son para Manuel J. Otero Pérez, pola foto “Bo Camiño” e Herminia Pérez Paradelo, pola foto “Entre Pedras”.

O gañador do primeiro premio recibirá a cantidade de 500 euros; 200 euros serán para o segundo; e 100 euros para o terceiro gañador. Todos eles obterán diploma, do mesmo xeito que os dous galardoados cun Accésit, aos que tamén se lles fará entrega dun lote de libros. Todos os participantes recibirán un diploma de agradecemento pola súa participación.
O certame, impulsado pola Axencia de Turismo de Galicia, busca poñer en valor o patrimonio do Camiño de Inverno, temática escollida para a presentación das fotografías participantes.
A entrega de premios terá lugar día 27 de novembro ás 20 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa, momento no que tamén se inaugurará unha exposición composta polas obras premiadas e unha selección das mellores fotografías de todos os participantes.