Eleccións municipais 2023Última horaVídeos

O BNG da Rúa presenta un programa “moi traballado e completo” co convencemento de que “seremos a forza que máis suba”

A candidata nacionalista María G. Albert presentábao na sede, nun almorzo informativo no que estaba acompañada por parte da candidatura

 

Co convencemento de que “imos ser a forza que máis suba na Rúa, porque cremos que temos o mellor proxecto e o mellor equipo”, o BNG da Rúa presentaba na mañá deste venres 12 de maio o programa electoral co que concorre ás eleccións do 28M. Facíao na sede, apenas unhas horas despois da pegada de carteis que marcaban o inicio da campaña electoral, nun almorzo informativo por parte da candidata á alcaldía María G. Albert e parte da lista que a compañará nesta nova andadura política.

Baixo o lema “A Rúa merece máis”, o Bloque Nacionalista da Rúa presenta un programa “bastante completo, moi traballado e debatido, consensuado con moitos colectivos, que en termos xerais recolle as principais necesidades da vila” e que xira en torno a dúas liñas. Por unha banda, “os problemas que deberán ser tratados máis con urxencia xa no mes de xuño de acceder á alcaldía; e por outros os problemas de carácter estrutural que o concello vén arrastrando dende hai anos”.

 

 

“No caso de gobernar, para facer xa de inmediato sería a limpeza, tanto viaria como desbroces e demais coa problemática que implica o baleirado do Concello por parte do Partido Popular en canto a persoal. Iso sería unha prioridade”, asegura González Albert, lembrando que quen acceda á alcaldía vaise atopar co problema das piscinas municipais “unha cuestión que haberá que tratar con urxencia, sendo unha decisión política por parte do equipo de goberno, que non acatou o acordo unánime de todos os grupos consensuar as bases para sacar o concurso en tempo e forma”. Outro tema a tratar de xeito inmediato será a “organización de actividades de lecer, deportivas, festivas, etc”.

A nivel estrutural, dende o BNG consideran esencial tratar a problemática da auga. “Nestes catro anos entrou moito diñeiro no Concello e a nosa pena é que non serviu para solucionar este problema estrutural, o máis grave que ten A Rúa, un servizo básico e totalmente municipal. Vimos dun ano dunha gran seca no que tivemos moitísimos problemas e este ano pode repetirse esa situación porque non se fixeron os investimentos necesarios”, dixo a candidata nacionalista, destando tamén como tema fundamental a recuperación poboacional e económica. “Estamos nunha debacle poboacional e para preverter esta situación hai que tomar medidas valientes e nalgúns casos difíciles, pero que hai que tomar xa”.

 

 

O programa nacionalista en si vén estruturado en cinco eixes básicos. O primeiro é a reactivación económica coa creación da imaxe de marca “A Rúa”; un plan de apoio ao comercio local; promoción da produción de proximidade (Km 0); apoio á industria; accións en torno ao turismo (Camiño de Santiago, O Aguillón e o turismo deportivo, promoción de produtos de calidade,…).

O segundo eixe son os servizos, que engloba actuacións nos básicos como a auga, propoñendo a execución da 2ª e 3ª fase do proxecto de remodelación da rede de abastecemento e saneamento e a posta en funcionamento da ETAP; ou o mantemento viario e de zonas verdes. No ámbito da sanidade loitarán pola recuperación do 4º facultativo para o Centro de Saúde; e no do ensino, traballarán por promover e valorizar o CEIP Manuel Respino, entre outros. O terceiro eixo é o viño, un sector estratéxio, facendo da Rúa “a capital do godello”, título que apoiaría a creación dun “Museo do Viño”, colaborando tamén cos viticutores.

 

 

O cuarto eixe é a humanización da Rúa. “Sempre apostamos por un Concello aberto, onde as portas da alcaldía estén abertas sempre ás inquedanzas e demandas das persoas. Do mesmo xeito comprometémonos a establecer cauces directos de participación cidadá a través de procesos de democracia participativa na toma de decisións”. Neste eixo, o programa inclúe accións no ámbito urbanístico (coa modificación puntual do PXOM, o proxecto Dr. Vila,…), cultural (coa recuperación da figura da bibliotecaria e da xestión directa do cine no Centro Cultural Avenida ou a creación dun salón de actos), medioambiental (cun programa de reciclaxe de materia orgánica, recollida selectiva de lixo, limpeza de franxas secundarias,…) e deportivo.

O quinto eixe é o benestar loitando por “unha Rúa feminista e en feminino, por unha Rúa para as persoas maiores, para a infancia e a mocidade”, con propostas como a renovación e actualización dos parques infantís incluíndo un en Vilela que non ten; ampliación da programación cultural, deportiva e de actividades adicadas á crianza; ou a creación de itineraios escolares seguros, entre outras moitas propostas.

En definitiva “temos un moi bo programa, autocentrado e que se pode levar á práctica, que atende cuestións que xa eran urxentes hai catro anos e que a día de hoxe son unha necesidade se non queremos perecer”, destaca María G. Albert.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button