PolíticaÚltima hora

O BNG de Valdeorras lamenta que á comarca “se lle negue novamente o dereito a contar cunha ambulancia asistencia de soporte vital avanzado”

Ademais esta formación destaca que este distrito sanitario "é o máis afastado dos grandes hospitais de referencia" e ten "a taxa máis alta por mortalidade por accidente laboral en Galicia"

Suso Vilasánchez, un dos concelleiros do BNG no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

O BNG de Valdeorras emitía un comunicado, asinado polo concelleiro barquense Suso Vilasánchez, no que lamenta “o novo desprezo que cara á nosa xente e ao noso distrito sanitario vén de facer o PP da Galiza ao negarnos novamente o dereito a contar cunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA) no noso distrito”.

Así, a formación nacionalista incide en que “no novo prego de cláusulas administrativas para a contratación de transporte sanitario urxente terrestre do 061, no referente as ambulancias de SVA 061 mantéñense os recursos existentes e increméntase unha ambulancia de SVA medicalizada para o Salnés e unha ambulancia de SVA de enfermaría para Lalín, mais négase de novo unha ambulancia similar a esas para o distrito de Valdeorras pese a ter nós a taxa mais alta de mortalidade por accidente laboral da Galiza (1995-2021) , sen datos posteriores); así como tamén ser o distrito máis afastado dos grandes hospitais de referencia, e cunhas vías de comunicación deficitarias”.

Vilasánchez lembra no texto “a imperiosa necesidade dunha ambulancia dese tipo no noso distrito sanitario foi recoñecida polas forzas políticas do Concello do Barco, que aprobou por unanimidade no mes de outubro unha moción para solicitar que se incluíse esa ambulancia neste novo concurso. Aparte diso, esta ambulancia de SVA foi solicitada múltiples veces polo BNG, quen tamén presentou nese sentido emendas aos orzamentos da Galiza para os anos 2023 e 2024, e todas as veces esa pretensión foi rexeitada polo PP”.

O edil do BNG no Barco indica que, “como novidade, dotan ao concello da Veiga dunha ambulancia non asistencial, codificada como “clase A1 (ANA-C). E informamos para evitar confusións, que esa ambulancia non é unha ambulancia de Soporte Vital Básico, e moitísimo menos, pero nin de lonxe, unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado. É simplemente unha ambulancia con material moi básico máis un DESA, unha ambulancia sen persoal sanitario, e que so conta cun condutor que está imposibilitado de facer nada por un paciente mentres conduce”.

Por iso o BNG de Valdeorras considera que a comarca “non merece estes desprezos, a vida da nosa xente vale tanto como a de calquera outro lugar, non somos cidadáns de segunda”.

Artigos relacionados

Back to top button