
O 3 de outubro o equipo de goberno nacionalista de Viana do Bolo, que preside Secundino Fernández, levaba ao pleno o orzamento municipal para o 2020. Sen embargo, non lograba o apoio da oposición (PP e PSdeG-PSOE), co cal non puido sacalos adiante ao estar gobernando en minoría.
Agora, oito días despois, o BNG de Viana vén de emitir un comunicado no que, “ante esta situación, reiteramos o ofrecemento aos grupos políticos da oposición para que presenten propostas. O orzamento do grupo do goberno xa o coñecen; agora tócalle ao PP e ao PSOE facer propostas para poder chegar a un acordo. No BNG estamos dispostos a escoitar e analizar as alternativas para tentar chegar a un acordo. Por Viana estamos a tempo”.
Tamén aseguran no texto do comunicado que “a función do goberno municipal é elaborar e presentar os orzamentos municipais, eses orzamentos teñen que dar resposta aos principais problemas que ten a sociedade de Viana do Bolo para o ano 2020. Dende o goberno presidido polo alcalde Secundino Fernández fíxose ese traballo, para así presentarllo á Corporación municipal”.
Máis información sobre o pleno:
https://osil.info/a-oposicion-vota-en-contra-do-orzamento-presentado-polo-goberno-nacionalista-de-viana/