ConcellosO BarcoÚltima hora

O BNG do Barco leva a pleno unha moción para que Galicia pida as transferencias en materia de ferrocarril interior

"Todos somos conscientes do estado das nosas infraestruturas viarias (estradas) e da nosa pouca ou ningunha dispoñibilidade de servizos ferroviarios", din os concelleiros barquenses do BNG no texto da moción

 

 

Nas infraestruturas ferroviarias pon o foco o grupo municipal do BNG do Barco na moción que defenderá na tarde deste 7 de marzo no pleno ordinario do Barco. O texto da iniciativa, asinados polos edís do BNG (Suso Vilasánchez, Manuel Agra e Noa Fernández)  comeza lembrando que “de sobra é coñecida a dificultade que presentan os desprazamentos da poboación ou mercadorías dende a comarca de Valdeorras cara calquera outra comarca na Galiza. Esa mesma dificultade preséntase tamén cara o resto do estado español ou países veciños. Todos somos conscientes do estado das nosas infraestruturas viarias (estradas) e da nosa pouca ou ningunha dispoñibilidade de servizos ferroviarios”.

Os concelleiros nacionalistas din tamén que “para facer algo en servizos ferroviarios fan falta investimentos, e se estes están enmans dun goberno afincado en Madrid, están nas mans de outro”. E nese senso botan man dos datos e, máis en concreto, das cifras de investimento do goberno central en materia ferroviaria en Galicia e como isto se traduce na práctica en actuacións, concluíndo que “non se inviste nin de lonxe o orzamentado en cuestións ferroviarias para Galiza” e que este tema “é un arma recorrente en tódalas campañas políticas preelectorais”.

 

O voceiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, durante un pleno.

 

Na moción a formación nacionalista tamén incide en que, “estando claro que este tema preocupa e moito á cidadanía galega e en especial á barquense, dende o BNG cremos xa necesario deixar de usar o problema como arma política para atacar ao contrario segundo quen goberne en Madrid e intentar solucionar o problema ferroviario, no que á parte interna galega se refire, dunha vez por todas”, para o cal solicitará ao pleno do Barco a aprobación do seguinte acordom que o “Concello do Barco de Valdeorras instará á Xunta de Galicia a Demandar do Goberno do Estado as transferencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de crear unha compañía pública ferroviaria galega (GALTREN) que mellore a prestación deste servizo no noso país e favoreza a vertebración económica, social e territorial do país mediante un tren de galego sobre o que ter capacidade decisoria respecto da política tarifaria, horaria e de desenvolvemento”.

Tamén pide o acordo da moción que “o próximo presidente da Xunta de Galiza trate xa este tema co presidente do Goberno de España na reunión que lle solicitará inmediatamente tras a súa toma deposesión como presidente da Xunta”.

Artigos relacionados

Back to top button