Na importancia que supón para Galicia contar cunha voz propia no Parlamento Europeo incidíase no mitin que o BNG ofrecía esta tarde no Multiusos do Barco. O acto abríao o voceiro municipal desta formación no Barco, Manuel Agra, quen presentaba aos intervintes: a alcaldesa da Rúa, María G. Albert; o deputado galego Iago Tabarés e o número 8 da lista do BNG ás eleccións europeas, Artai Gavilanes.
María G. Albert comezaba falando de como afectan as Galicia as decisións que se toman en Bruxelas, poñendo o foco na cuestión agraria e tamén nas políticas medioambientais. “Non podemos perder de vista que en Europa necesitamos unha voz que defenda os intereses do noso país, para que o que se lexisla en Europa teña en conta as especifidades galegas e as nosas necesidades”. Ademaia a rexedora ruesa destacaba que a cabeza de lista do BNG ás europeas, Ana Miranda, “ten demostrado ao longo destes anos o seu compromiso con este país e vaino seguir facendo”.
Pola súa banda, Iago Tabarés comentaba que “estas van ser unhas eleccións complicadas e que se están plantexando como un plebiscito entre Pedro Sánchez e Feijóo, pero nelas non se fala de Galiza, para nada contaron e contan os nosos problemas”. E argumentaba porque é relevante que Galicia posúa “voz propia en Bruxelas. Primeiro para construír a Europa que queremos, unha Europa pacifista e unha Europa dos pobos, non dos estados. E mesmo na que teñamos voz en galego”.
O parlamentario galego resaltaba que hai moitos temas que se deciden dende os escanos europeos, “ademais dos medioambientais, que citaba María, tamén están as infraestruturas de enerxía e terrestres, as estradas, os portos… E, por suposto, a Política Agraria Común (PAC), para que se faga tendo en conta as especificidades de Galicia e de Valdeorras, iso importa moito e decídese en Bruxelas. Nestas eleccións xogámonos moito”. E concluía asegurando que “cada voto ao BNG será máis voz e presenza de Galicia no Parlamento Europeo. A utilidade do voto ao BNG nestas eleccións é máis evidente que nunca”.
Finalmente, Artai Gavilanes apuntaba que Galicia “é un país rico e con moitísimas potencialidades, e por iso o BNG é garantía dunha ferramenta para o pobo galego, para defender a nosa soberanía e os nosos sectores, e para denunciar a actual Europa dos lobbies, para pular pola defensa dos servizos públicos. Se o BNG está, Galiza existe politicamente, ten voz e ten capacidade de negociación. Por iso é necesario que nos mobilicemos, que falemos coa maior cantidade de xente posible para que este 9 de xuño Galiza poida seguir tendo voz propia en Europa e seguir traballando polos seus intereses”.
Así mesmo, Gavilanes aseguraba que estas son “unhas eleccións importantes para a mocidade porque nos xogamos o noso futuro. Queremos vivir do noso traballo, na nosa terra e vivir en paz”.
Fotos: A.R.



