PolíticaÚltima hora

O BNG pide no Congreso a revisión da seguridade e das condicións da vía entre Vigo e Valdeorras

Imaxe de arquivo do descarralimento en Vilamartín en agosto.

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados relativa ao novo descarrilamento dun tren de mercadorías en Vilamartín de Valdeorras o 23 de agosto co fin de “demandar ao Goberno do Estado abrir unha investigación e coñecer os motivos que provocaron este suceso”. Dende este partido político indican que “ao non ser o primeiro feito similar, demanda a revisión da seguranza e as condicións da vía entre Vigo e Valdeorras”.

Dende o BNG aseguran que “afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida e os danos foron exclusivamente materiais -provocando unha interrupción da circulación dos trens- para o que podía ter acontecido posto que o tren transportaba peróxido de hidróxeno e mesmo sosa cáustica en solución e argón líquido”. Pero destacan que este non é “un suceso illado, posto que non é a primeira vez que acontece un feito semellante na vía férrea que atravesa a comarca de Valdeorras” sinala Néstor Rego, deputado nacionalista que rexistraba no Congreso a iniciativa. De feito, continúa o parlamentario, “en agosto de 2020 desencarrilaban catro vagóns dun tren de mercadorías en Sobradelo de Valdeorras, incidente polémico posto que ADIF decidira tirar os vagóns ao río Sil”.

“O Ministerio, ADIF e RENFE deben de levar a cabo unha investigación ou estudo sobre os sucesivos desencarrilamentos producidos nesta vía” asevera Rego. Neste sentido, o deputado do BNG tamén pregunta por cantas revisións e actuacións se realizaron recentemente nos tramos da vía especialmente afectados.

Segundo apunta o deputado do BNG, requírese unha vixilancia activa por parte das autoridades competentes, así como un plan de mantemento e reparación das infraestruturas férreas para garantir o uso seguro das mesmas.

Artigos relacionados

Back to top button