PolíticaÚltima hora

O BNG pide no Parlamento galego a intervención da Xunta no “conflito laboral do servizo de vixilancia dos hospitais de Verín e Valdeorras”

O deputado Diego Lourenzo sinalaba que a empresa adxudicataria ten incumprido “de forma manifesta” as condicións laborais e urxe medidas para que as persoas traballadoras cobren os seus salarios “en tempo e forma”

Diego Lourenzo, deputado do BNG por Ourense no Parlamento galego.

 

O deputado do BNG por Ourense no Parlamento de Galicia, Diego Lourenzo, pedía nesta cámara á Xunta que interveña no conflito laboral que afecta aos traballadores da empresa adxudicataria do servizo de vixilancia e seguridade do Hospital Público de Verín e do Hospital de Valdeorras.

En concreto demanda que, “de xeito inmediato, o Goberno galego tome as medidas precisas para garantir o cobro de salarios en tempo e forma por parte destas persoas traballadoras pois”, segundo explica, “a firma adxudicataria, Sergursystem Europa SLU, ten incumprindo de forma manifesta as condicións laborais pactadas co cadro de persoal que, entre outras cuestións, vén denunciando retrasos no pago das súas nóminas”.

O parlamentario nacionalista engadía que “o máis grave desta cuestión é que chove sobre mollado”, , referíndose a que o persoal de seguridade “dos dous centros do Sergas chega a esta situación tras pasar por un proceso similar en 2019 e 2022 coas entón empresas adxudicatarias. As traballadoras e os traballadores están a vivir o mesmo que noutras ocasións a pesar de teren cambiado de empresa por cuarta vez en catro anos”.

Diego Lourenzo salientaba que “Sergas e Xunta deben implicarse e ser proactivos para resolver unha problemática que afecta a un servizo privatizado que se paga con diñeiro público” e que “por reiterativa, excede a excepcionalidade para se converter nun problema estrutural que sofren, neste momento, dez familias das comarcas de Valdeorras e Verín”.

Criticaba, neste sentido, a “deixación de funcións da Área Sanitaria, responsable última do servizo, pois ante a evidente e entendíbel inquedanza dos traballadores desde as direccións dos distritos non se están a achegar solucións de ningún tipo e só se lles pide que agarden acontecementos entre rumoroloxía de distinta índole, co conseguinte prexuízo aos seus intereses”.

Unificación dos contratos de seguridade da área sanitaria ourensá

Diego Lourenzo demanda tamén que se unifiquen os contratos de seguridade de toda a área sanitaria ourensá nun único paquete. Considera, así mesmo, que a Xunta “ten que analizar en profundidade a adxudicación do contrato de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras para determinar se se cumpriron os criterios establecidos pola Lei de Contratos Públicos no referido á Capacidade e Solvencia do Empresariado”.

Artigos relacionados

Back to top button