
Na tarde deste 23 de maio o grupo municipal do BNG do Barco vén de emitir un comunicado informando de que se lla mandou unha comunicación do Concello do Barco para pedir “que faga unha condena pública do acto vandálico que sufriron os traballos dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega no Paseo do Malecón e que se solidarice coa comunidade educativa”.
No texto da misiva, o BNG sinala que “na mañá do 22 de maio, os traballos realizados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega sobre Luísa Villalta, autora á que este ano se lle dedican as Letras Galegas, aparecían destruídos no Malecón, onde estaban expostos”, nese senso, piden que o Concello do Barco “condene publicamente estes actos de vandalismo contra a cultura e contra o traballo e esforzo realizado polos centros educativos. Ao mesmo tempo, pedímoslle ao Concello que se solidarice coa comunidade educativa que tan afectada se viu por este actos vandálicos. Igualmente, estaría ben recoñecer e parabenizar a resposta que na mañá deste xoves deu a comunidade educativa reunindo o alumnado nun acto de desagravio no Malecón do Barco”.