CulturaCulturaÚltima hora

O Carballiño pretende “mellorar a calidade da programación cultural” da Festa do Pulpo

A Festa Grande desta vila celebrarase o 13 de agosto e esta quincuaxésimo quinta edición pretende ser “a transición” para converterse en Interese Turístico Internacional
Presentación da LV Festa do Pulpo. // Foto: Carlos Asensio.

A LV Festa do Pulpo xa quenta motores. Hoxe, 12 de xullo, tanto o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, como o concelleiro de Cultura, Manuel Dacal, aseguraron que para esta edición, que se celebrará o próximo domingo 13 de agosto, propóñense mellorar a calidade da programación cultural da Festa Grande do Carballiño.

En concreto, Francisco Fumega asegurou que o obxectivo deste ano para coa Festa do Pulpo “é cualitativo non cuantitativo”. Esto quere dicir, en palabras do rexedor, que esta festa “xa está asentada no calendario galego e nacional” e por iso optan por dotar á celebración de máis calidade “para chegar a ser internacionais”. Por este motivo, o pasado mes de xuño, presentaron a LV Festa do Pulpo durante a XXV Festa do Pulpo do Centro Galego de Nuremberg (Alemaña).

Neste seso, o alcalde dixo o seguinte: “Para esta edición, que esperamos sexa de tránsito cara á declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, temos previsto desenvolver un programa certamente atractivo, que presentaremos a próxima semana, pero que podo adiantar xa que será un dos mellores dos últimos anos. Por suposto, como anticipo desta gran romaría imos elaborar de novo a tapa de pulpo máis grande do mundo, pero o reto non será agrandar máis o prato, senón diminuír o tempo de elaboración da tapa xigante”.

E esa internacionalidade tamén está reflectida no cartel deste ano, deseñado por Ovidio Feijóo, e que representa esa unión de ambas as dúas festas. O artista, que tamén acudiu á presentación de hoxe, asegurou que o seu obxectivo era “establecer esa conexión entre Nuremberg e O Carballiño”. O artista reiterou que o seu deseño abrangue pequenos debuxos característicos que “hai que descubrir”, como tesoiras, pulpeiras e xente.

Finalmente, o deputado provincial Argimiro Marnotes, destacou que “a pesar de que as institucións públicas esteamos aquí para apoiar estes festexos, é importante tamén a colaboración privada”. Por este motivo, agradeceu aos patrocinadores a súa participación na Festa do Pulpo, “una das festas máis importantes da provincia e que máis patrocinadores ten”, dixo.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button