ConcellosO BoloÚltima hora

O Castelo de O Bolo reunirá este sábado a un cento de músicos no V Festival Medieval

O 21 de maio tamén se inaugurará, ás 12h. nas dependencias do colexio, o museo adicado ao artista local Xosé de Valbuxán-Yosso

Manuel Corzo, Rosendo Fernández e Xosé Lois Foxo na presentación do festival medieval.

 

Este sábado, día 21 de maio, a música dos romances volverá soar no Castelo de O Bolo, na V edición do Festival Medieval, un evento que reunirá na fortaleza a un cento de músicos e que este ano homenaxea ao pintor e escritor natural do concello, Xosé de Valbuxán-Yosso.

O programa do festival era presentado na mañá deste xoves 19 de maio no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; do alcalde de O Bolo, Manuel Corzo; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

 

Presentación do V Festival Medieval do Castelo de O Bolo.

 

Rosendo Fernández subliñou o decisivo compromiso do alcalde “que conseguiu reconstruír a principios deste século un castelo emblemático que agora se converte nun gran marco para o festival medieval”. Un labor ao que se suma a Deputación “para potenciar a música e o folclore tradicional, porque a mellor forma de ser progresista é evitar que se perdan as nosas raíces, nesta caso musicais”.

Pola súa banda Manuel Corzo puxo énfase na figura do homenaxeado, Yosso (O Bolo, 1943-2019), ao que se lle dedica o museo que será inaugurado o sábado ao mediodía nas instalacións do colexio público. Un artista polifacético que comezou no mundo da pintura, formándose nas principais capitais europeas, para regresar máis tarde ao seu Valbuxán natal onde se centrou na literatura. Unha traxectoria “merecente dun maior recoñecemento, que lle vai dar este museo”, dixo o alcalde de O Bolo.

 

 

Na súa intervención Xosé Lois Foxo destacou que no esforzo por manter o espírito medieval deste evento recuperouse a vestimenta da época da raíña dona Urraca, que a tradición popular sitúa no concello de O Bolo e en varias lugares da comarca de Valdeorras. A cantante galega Iria Estévez será a encargada de lucir este traxe entrando a cabalo na fortaleza, “converténdose así na icona do festival”. Ademais, anunciou, o castelo estreará un sistema de sonorización que permitirá escoitar todos os días e a cada hora O Romance de dona Urraca.

Á parte da inauguración do museo dedicado a Xosé de Valbuxán-Yosso o sábado ás 12 horas e a Mostra de Gaitas Ibéricas que xa se pode visitar na fortaleza, o programa do V Festival Medieval comezará ás seis da tarde cunha exhibición da Cetrería do Salnés. De seguido sucederanse as actuacións, coas intervencións das bandas de gaitas de B Bolo e Vilariño de Conso; as cantoras de Trives con Blandina de Cotarós; Rogelio da Acebeda; ou a cantora da seitura de Lentellais, Jacinta Fernández. Tamén haberá un recoñecemento á figura de Bautista Álvarez e participarán o especialista en instrumentos medievais Daniel García de la Cuesta; as cantareiras da Real Banda coa presentación do poema musicado O Malvís na memoria de Xosé de Valbuxán e a propia Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button