A MezquitaConcellosCulturaCulturaEn portadaÚltima hora

O Castelo Pequeno (A Mezquita), un dos castros máis grandes de Galicia e cun monumental sistema defensivo

O Concello iniciaba no 2017 un proxecto de investigación e posta en valor deste xacemento no marco do cal se incluían tres novas sondaxes a primeiros de xuño no Castro Grande, outro xacemento moi próximo

Publicidade

 

Material medieval, pero tamén cerámica da Idade do Ferro, de hai uns 2.200 anos. Eran os restos arqueolóxicos que sacaba a luz o equipo de arqueólogos de A Citania nas tres sondaxes que realizaban ao longo da primeira semana de xuño xusto aos pés do miradoiro do Castelo Grande en Santigoso (A Mezquita). Sen embargo, non se localizaban estruturas. “Queríamos comprobar se este era un castelo medieval, pero algúns dos restos lévannos á Idade de Ferro, polo tanto este lugar ten ocupación anterior”, comenta o director do equipo, o arqueólogo Israel Picón.

Esta intervención enmárcase nun proxecto máis amplo de investigación e de posta en valor do patrimonio da Mezquita, promovido dende o Concello e que se iniciaba no 2017 . “O alcalde encargounos unha intervención no Castelo Pequeno (moi próximo ao Castelo Grande), como xacemento senlleiro do municipio e da comarca. Cando viñemos aquí quedamos impresionados, non coñeciamos a zona e moito menos un castro destas características, que é algo pouco habitual. Destaca, sobre todo, pola situación a uns 1.200 m de altura, pola monumentalidade e polo dominio visual e da contorna”, asegura Picón.

Ante isto o equipo de A Citania Arqueoloxía plantexáballe ao rexedor da Mezquita, Rafael Pérez, que antes dunha actuación directa no castro, se desenvolvese unha prospección arqueolóxica do municipio. E por aí se empezou no mesmo 2017. “Penso que tivemos bastante éxito nos traballos de prospección, nos que incorporamos, entre outros elementos, un par de petróglifos e o propio Castelo Pequeno, que só estaba recollido como unha referencia de posible lugar ocupacional medieval, con material cerámico en superficie, pero carecía de protección, non tiña ficha, algo que nos sorprendeu moitísimo. Nós catalogamos este xacemento, aparte doutros elementos como o petróglifo do Castelo Grande, e tamén solicitamos a eliminación dunha mámoa, porque entendemos que é simplemente un afloramento”, explica Israel Picón.

 

O director da intervención arqueolóxica, Irsael Picón.

 

Tamén se fixo recolleita de patrimonio inmaterial, xunto cun traballo con tecnoloxía LIDAR e con foto aérea, así como unha prospección intensiva do propio Castelo Pequeno. A partir deses datos actualizouse a información deste asentamento, cuxa superficie se sitúa en 12,5 hectáres (duplicando á que se lle asignaba en referencias anteriores), “falamos dun poboado monumental”, din os investigadores. Os novos datos permitiron deseñar unha nova intervención, xa no 2019, cunha serie de sondaxes deste castro dirixidas principalmente a estudar o seu sistema defensivo con murallas, unha sucesión de foxos e pedras fincadas. Así mesmo realizábanse dúas catas na parte superior ou croa. “Recollimos material da Idade do Ferro, o que nos veu a confirmar a hipótese máis sinxela de todas as que había: que era  un castro, fundamentalmente da segunda Idade do Ferro, con ocupación máis ou menos na romanización”, destaca o director da campaña.

No verán do 2020 o equipo de Citania Arqueoloxía facía unha nova intervención na parte máis sur das murallas, onde detectaba un sistema construtivo totalmente diferente. Había pedra seca e a muralla reducíase moitísimo, “con 3,4 m, fronte aos 5,50 m do outro lado, e nin sequera estaba cimentada no substrato. Iso chamounos moito a atención e pensamos que podería ter sido feita noutro momento histórico”, conta Israel Picón. E alí mesmo descubrían “unha fogueira in situ, no substrato, que foi moi interesante. Collemos mostras para datar por radiocarbono e deunos que o material era da Idade do Ferro, aproximadamente do século IV, antes de Cristo. Axudáronnos moito neste labor Josefa Rey Castiñeira, da Universidade de Santiago, María Martín Seijo e Andrés Teira”, destaca o arqueólogo. Ademais na zona norte do xacemento verificaban a existencia dun foxo escavado no substrato.

E, noutra das catas, xa na zona habitacional saltaba a sorpresa. Aparecía “trigo e centeo, dunha cronoloxía moi antiga e mesturados con feces de roedores. É un momento no que empezan a xogar, a experimentar esta técnica, isto resulta sumamente interesante porque dicíase que era só dende a romanización”, resalta Picón.

 

O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.

 

“Dámoslle moitísimo valor a este achádego, son grans que, segundo os datos técnicos e científicos, son os máis antigos da península ibérica, con 2.500 anos. E isto coincide ademais co feito de que no Concello temos un proxecto en mente para poñer en valor as terras para sementar centeo e crear un pan da zona, polo que este é un dato importantísimo para seguir tirando do carro e demandando ás administracións que están por riba do Concello para pedirlles apoios”, asegura o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez.

Neste ano 2021 o foco poñíase no Castelo Grande, moi preto do Castelo Pequeno e a maior altura, tratando de datar a súa ocupación e buscando posibles relacións entre ambos xacementos. A actuación contaba con financiamento do Agader e desenvolvíase na primeira de semana de xuño. O equipo que dirixía Israel Picón estaba formado por Eduardo Velázquez (arqueólogo), María Méndez (debuxante), Aldara Rico (restauradora) e Miguel Losada (auxiliar).

 

O equipo de A Citania que realizaba as sondaxes arqueolóxicas no Castelo Grande (Santigoso, A Mezquita).

 

E darlle continuidade a este proxecto cunha nova campaña o vindeiro ano, novamente, no Castelo Pequeno. Así o adianta o alcalde da Mezquita. “Pretendemos poñer en valor isto porque se trata do terceiro castro máis grande de Galicia e que sexa un gran descoñecido tampouco é moi normal. Queremos que se coñeza, poñelo no mapa, que se saiba está na Mezquita, e que incluso posúe características que non ten ningún outro castro e que mesmo sorprenden aos arqueológos”, sinala Rafael Pérez.

 

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella

Detalle do sistema defensivo do Castelo Pequeno (Santigoso, A Mezquita).

Artigos relacionados

Back to top button