
Nesta fin de semana o atleta veterano Francisco Bao fará a súa carreira 750 en Quiroga (o 9 de febreiro corría en Sarria a 749). Unha destacada cifra que merece un recoñecemento.
Así o pensaron dende a directiva do Centro de Deportes Barco que lle renderá homenaxe no partido do domingo 16 de febreiro en Calabagueiros contra o Rápido de Bouzas. “É un atleta valdeorrés e un gran afeccionado do club que leva moitos anos sendo socio polo que lle daremos un detalle e fará o saque de dende o medio do campo”, explica o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, adiantando que o partido comezará ás 17 horas e tamén gardarán un minuto de silencio polo falecemento do avó de Álex.
O CD Barco-Rápido de Bouzas será pois un partido especial. Non só pola homenaxe a un gran afeccionado, senón porque revivirán os bos tempos vividos por ambos equipos. “Será como un partido retro porque o Rápido, que malia estar en horas baixas merece todo o noso respecto, ten sido un gran rival tanto en terceira como en preferente polo que a idea é lembrar os bos momentos vividos tanto eles que chegaron a xogar en 2ª B coma nós”, di Nilo, recoñecendo que será o partido ideal para lembrar sabores do pasado.
Así, lembrando os bocadillos da infancia de moitos dos presentes, no descanso os asitentes será convidados a un pincho de Nocilla “a merenda dos campións”.