O labor docente a prol da educación para a saúde que se vén desenvolvendo nos últimos anos no CEIP Condesa de Fenosa do Barco acaba de ser recoñecido. Este colexio vén de recibir o distintivo de calidade de centros docentes “Sello Vida Saludable”.
“Dende hai tempo levamos traballando na atención e educación para a saúde, especialmente no que atinxe a hábitos alimentarios e actividade física. Participamos daquela naqueles programas que desenvolven a adquisición dos hábitos que promoven o benestar físico, psíquico e social, tentando capacitar ao alumnado para que elixa condutas que favorezan a súa saude e benestar, por medio da adquisición de coñecementos e habilidades en temas relacionados coas competencias emocionais, a alimentación, a actividade física e o autocoidado”, explican dende a dirección do colexio.
O esforzo e traballo deste CEIP acabe de ser recoñecido coa concesión desta distinción do Ministerio de Educación. “Co Selo de Vida Saudable, o que se garante é que neste centro ensinamos a manter o noso corpo san e saudable”, explican dende o centro, que amosa ademais a súa satisfacción por “esta distinción que nos anima a traballar aínda con máis forza, se cadra, nesta angueira de promover a saúde dende o comedor, as aulas de educación física e de todo o colexio en xeral”.
