CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP P. de Maceda aposta pola internacionalización e participa no Eramus+ por vez primeira

Faino co proxecto “Expandindo os nosos horizontes para atender á diversidade”

Cedida.

 

O CEIP Plurilingüe de Maceda na provincia de Ourense, participa por primeira vez no programa Erasmus+ co seu proxecto “Expandindo os nosos horizontes para atender á diversidade”. No proxecto presentado polo centro solicítanse 10 mobilidades a distintos países europeos co fin de promover a actualización didáctica do profesorado e propiciar un cambio e un impacto positivo neste colexio. O proxecto aprobado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) terá unha duración de 18 meses, desde setembro do 2022 ata febreiro do 2024.

O profesorado, xa seleccionado, terá a oportunidade de realizar estancias de observación en centros escolares de Dinamarca, Suecia e Francia. Ademais, realizarán tamén cursos formativos sobre a aprendizaxe da lingua estranxeira en Islandia, a educación ambiental a través do deporte en Portugal, a aprendizaxe a través de actividades ao aire libre en Malta, ou as características do sistema educativo en Finlandia.

Con estas mobilidades o centro pretende “mellorar a práctica docente a través da implementación de estratexias metodolóxicas e novos enfoques que promovan a participación de todo o alumnado. En consonancia coas prioridades do programa Erasmus búscase impulsar a igualdade de oportunidades para atender á diversidade e fomentar a inclusión. De igual forma, o obxectivo é facilitar a interacción da comunidade educativa con outras culturas e países, non só a través de estancias, senón tamén a través de proxectos colaborativos conxuntos e mesmo intercambios entre escolares”, tal e como adiantan dende este colexio.

A coordinadora do proxecto no centro Isabel Blanco, e tamén directora, comenta que están “encantados de poder participar en Erasmus+ e con moitas ganas de poder visitar outros centros e observar como traballan”.

Silvia Alonso e Isabel Blanco serán as dúas docentes que levarán a cabo a primeira mobilidade a un centro de Copenhague. “Desde hai uns meses estamos en contacto coa coordinadora da mobilidade no centro danés para organizar a actividade de observación e establecer un acordo de aprendizaxe que contribúa a desenvolver os obxectivos expostos no noso proxecto internacional”, indican.

Como apoio á iniciativa en Erasmus, do CEIP Plurilingüe de Maceda tamén foi un dos 9 centros da provincia de Ourense seleccionado para participar no programa “Observa-Acción” da Consellería de Educación que promove o intercambio de boas prácticas entre centros e a observación entre iguais.

Erasmus +

Erasmus+ 2021-2027 é o renovado programa da Unión Europea nos ámbitos da educación e a formación, mocidade e deporte, que ofrece oportunidades para todas as persoas e en todos os sectores educativos (Educación Escolar, Formación Profesional, Educación Superior e Educación de Persoas Adultas).

Este novo Erasmus+ é máis internacional, inclusivo, dixital e máis ecolóxico, apoiando a transformación dixital, a inclusión e a diversidade, ademais do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. Cun orzamento de máis de 28.000 millóns de euros, financiaranse proxectos de mobilidade e cooperación transfronteiriza relacionados coa aprendizaxe para 10 millóns de persoas de todas as idades e de todas as orixes.

En España, o programa Erasmus+ xestiónase por parte do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), organismo público adscrito ao Ministerio de Universidades que actúa como Axencia Nacional do programa nos ámbitos da educación e a formación.

Artigos relacionados

Back to top button