A sede da Cruz Vermella Valdeorras no Barco acollía ás 13h. deste 13 de novembro a sinatura dun convenio entre a entidade benéfica e o Clúster da Pizarra de Galicia. Segundo explicaba o presidente da Cruz Vermella Valdeorras, Maximino Alonso, esta colaboración materializarase en dous programas: o de apoio escolar (con 70 nenos no que vai de curso) e a recollida do xoguete solidario, ambos dirixidos a nenos de familias en risco de exclusión social.
“O programa de apoio escolar consiste en que os nenos veñen á Cruz Vermella e os voluntarios danlle clases de apoio e axúdanos a facer os deberes, e, ao rematar, tamén lles damos a merenda. No referente ao xoguete solidario, facemos unha recollida de xoguetes novos e educativos para entregarllos no Nadal aos nenos destas familias. A través deste convenio, o clúster facilitaranos alimentos para as merendas dos nenos e tamén xoguetes”, explicaba Maximino Alonso, que lle agradecía ao presidente do Clúster, Victor Cobo, a colaboración deste organismo e tamén o das empresas que forman parte del.
Pola súa banda, Cobo amosaba o seu agradecemento á Cruz Vermella “por contar con nós, estamos encantados de estar aquí colaborando e esperamos que as empresas do clúster poidan aportar o seu gran de area a esta iniciativa”.
Fotos: A.R.