Un dos primeiros puntos da orde do día do pleno que a Corporación municipal do Barco celebraba na tarde do 4 de abril era a toma de razón de razón ao cargo de concelleiro de Suso Vilasánchez do BNG. O edil despedíase do pleno cunha intervención na que aseguraba sentirse “moi orgulloso de ter formado parte deste pleno e do pleno do mandato anterior”. Foron uns plenos, dicía, nos que “mantendo, como é entendible, as lóxicas discrepancias de posicionamento político e o que iso condiciona, foron quen de nunca cruzar a liña vermella do insulto persoal”.
Para Vilasánchez, “O Barco é un gran concello”, que “ten, sen dúbida, os seus problemas, as súas áreas de mellora, máis é sen dúbida un faro político para o oriente ourensán e síntome orgulloso de ter formado parte desta Corporación. Para min a carreira política non é de fondo, senón de relevos, e é hora de marchar. Marchar deixando tempo suficiente para que os meus compañeiros e compañeira deixen a súa pegada persoal e corrixan os meus erros”.
Tamén confesaba Vilasánchez que se despide con “pena, pero saiban vostedes que neste intre teñen o meu afecto persoal e o meu respecto político”. E concluía dicindo que “agora se me permiten, vou exercer un dereito de cidadán e pasar a ser público”. E levantábase do seu escano entre aplausos dos asistente para seguir o resto da sesión como un cidadán máis.