ConcellosÚltima hora

O Concello do Carballiño reduce a débeda ao 26% saíndo do Plan de Axuste

O aclalde, Francisco Fumega, anunciou unha posible conxelación dalgunhas taxas dos servizos municipais
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

O Concello do Carballiño sae do Plan de Axuste. Así o asegurou hoxe, 4 de maio, o alcalde, Francisco Fumega. O rexedor dixo que, “tras cinco anos de estar inmersos neste plan, e en menos de dous anos de lexislatura, o traballo e as prioridades e a boa xestión deron como resultado saír do Plan de Axuste no primeiro trimestre deste ano 2017”. Ao respecto, lembrou a promesa realizada ao comezo da lexislatura cando se propuxo traballar para poder saír do Plan de Axuste a comezos de 2017, “cumprindo, polo tanto, este desexo”.

Devandito Plan de Axuste aprobouse no ano 2012 co obxectivo de subscribir unha operación de crédito para facer fronte aos pagos dos provedores, e baseado en tres piares: estabilidade orzamentaria, axustando os gastos correntes aos ingresos; cumprimento da regra de gasto, pola que o orzamento municipal só pode incrementarse unha porcentaxe que se calcula aplicando un coeficiente ao orzamento do exercicio anterior e, por último, o período medio de pago.

Segundo dixo Fumega, estes tres parámetros “cumpríronse oficialmente no primeiro trimestre deste ano”, e así o asinou a interventora. Neste documento figura que o período medio de pago é de 19 días, “un fito histórico no Concello do Carballiño”, explicou.

No último trimestre do 2016, o concello realizou pagos por valor de 3 millóns de euros. Entre estes pagos figuran as débedas históricas con Viaqua e Fenosa, entre outras.

Neste momento a débeda do Concello é do 26%, “unha cifra moi baixa”, segundo dixo o alcalde, xa que se se quixera podería acadar ata un límite do 110% do orzamento. Non obstante, asegurou que se ía continuar coa mesma política de contención do gasto e de máxima rendibilidade dos ingresos.

Ao respecto engadiu que, co superávit do pasado ano (algo máis dun millón de euros), íase destinar ao redor de 300.000 euros para axilizar a execución de proxectos pendentes como o cambio da iluminación pública con LED, que supón un gran aforro enerxético e económico, ou a reparación de rúas que levan anos sen mantemento e precisan melloras, sobre todo no asfaltado.

Por outra parte tamén se referiu Francisco Fumega ao marxe de revisión de certas taxas, “como as relativas ao Conservatorio, á Escola Municipal de Música, á Escola de Artes Escénicas e ás Escolas Municipais Deportivas, que tiñan que subir obrigatoriamente cada ano por mor do Plan de Axuste, e que agora, aínda que quizá non se poidan baixar porque habería que ver a viabilidade de cada servizo, si se poden conxelar”. De feito, o alcalde anunciou que poderían quedar case todas conxeladas.

Francisco Fumega amosouse satisfeito por este resultado, dicindo que “é unha gran noticia que amosa, en primeiro lugar, a boa xestión que estamos realizando no concello; en segundo lugar, vainos permitir ter unha maior capacidade de manobra con respecto ás taxas de determinados servizos que estaba suxeitos ás especificacións deste Plan, e en terceiro lugar, incrementa o marxe de confianza na xestión municipal”.

Artigos relacionados

Back to top button