ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

O Concello de Folgoso do Courel liderará os traballos de recuperación das zonas afectadas polo lume e a petición de axudas

Ademais anuncia que demandará a presenza no Concello de persoal técnico da Xunta para axudar aos veciños a tramitar a orde aprobada polo Goberno galego este xoves para a reparación dos danos causados polos incendios

Zona afectada polo incendio de Folgoso do Courel./ Foto: Concello de Folgoso do Courel.

 

O Concello de Folgoso do Courel vén de facer público que liderará “os traballos de recuperación das zonas afectadas pola vaga de lumes e a petición de axudas”. Así, o goberno local estuda xa o procedemento para solicitar a declaración de zona catastrófica para que tanto a administración local como os veciños e veciñas poidan recibir compensacións económicas que axuden a paliar os danos causados polo lume.

“Os efectos son devastadores a todos os niveis, polo que cantas máis axudas poidamos recibir máis nos vai axudar na recuperación que temos por diante”, explica a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro. Estas axudas que ten que conceder o Estado serían compatibles con outras, segundo o Concello, como as aprobadas este xoves polo Consello da Xunta para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

A alcaldesa anuncia ademais que pedirán a presenza no Concello de persoal técnico da Xunta para axudar aos veciños e veciñas a tramitar a orde aprobada polo Goberno galego á que poden acceder as persoas que sufriran danos nas vivendas, os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos, os titulares de explotacións agrícolas, forestais e gandeiras, as entidades locais, os titulares de terreos cinexéticos e os de infraestruturas de uso público do medio natural.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220722/AnuncioV0654-210722-0005_es.html

“Queremos ir da man dos veciños e veciñas en todo momento e que poidan solicitar o maior número de axudas posible e que teñan todas as facilidades ao seu alcance para poder facelo”, resalta Lola Castro.

Artigos relacionados

Back to top button