OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense estimulará o consumo no comercio e na hostalaría local cunha liña de axudas

A proposta que o alcalde trasladará ao Pleno é dotar unha partida de 5 millóns de euros, en bonos de 50 euros para cada veciño ou veciña da cidade, que podería estar dispoñible entre os meses de abril e xuño de 2021

 

O Concello de Ourense ten previsto estimular o consumo no comercio e na hostalaría local cunha nova campaña de axudas para o vindeiro ano 2021. Para iso, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, proporá ao Pleno do Concello unha liña directa de axudas que terá como persoas destinatarias o conxunto da veciñanza da cidade. O proxecto no que traballa o goberno municipal prevé que cada veciño ou veciña de Ourense reciba un bono por importe de 50 euros, que poderá destinar exclusivamente ao consumo nos comercios e nos locais de hostalaría da cidade.

A proposta que o alcalde trasladará ao Pleno é dotar unha partida de 5 millóns de euros, en bonos de 50 euros para cada veciño ou veciña da cidade, que podería estar dispoñible entre os meses de abril e xuño de 2021. Un prazo que se debe a que antes será preciso aprobar no pleno a dotación orzamentaria e realizar despois o proceso de tramitación das axudas.

O obxectivo final é que a xente volva so comercios e aos locais de hostalaría xa que, explica, “cando alguén utiliza ese diñeiro, metes xente no comercio, o retiras de Internet, que prexudica ao comercio local, e ademais con ese gasto poden comprar máis cousas, e recuperar o hábito de ir aos comercios e á hostalaría, que están perdendo clientes de forma importante”.

Será unha nova axuda para alentar a actividade económica na cidade, logo da que desenvolve o Concello na actualidade, a través da campaña de axudas aos autónomos, que se desenvolve durante o actual mes de outubro e que lles dará unha subvención de 2.000 euros por profesional, “a máis ambiciosa de España”, asegura o rexedor.

A elas se une as medidas específicas de axuda á hostalaría local, coa que o alcalde comprometeu hai uns días promover a supresión da taxa de veladores para os dous próximos exercicios: 2021 e 2022 e anular con carácter retroactivo a taxa do ano 2020, para contribuír a paliar os efectos do “golpe moi duro”, que sufriu o sector como consecuencia das restricións impostas para frear a pandemia da COVID-.19.

Artigos relacionados

Back to top button