ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O Concello de Río convoca o II Premio de Novela da Galicia Rural, cunha contía de 2.000 euros

 

Ata o vindeiro 15 de decembro poderán presentarse traballos ao II Premio de Novela da Galicia Rural, que convoca o Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Editorial Galaxia. Con esta iniciativa literaria búscase promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria.

“Entre os grandes retos que debe afrontar a Galicia de hoxe en día cómpre destacar a procura de alternativas para o desenvolvemento do rural de cara a garantir o seu futuro e adecuación ás novas realidades do século XXI, sen que iso derive na perda da súa identidade, tradicións e cultura”, aseguran dende o Concello de Río, que preside Xosé Miguel Pérez.

Este concurso vai dirixido tanto a autores xa consagrados como a novos talentos da literatura galega , que deberán presentar novelas orixinais e inéditas, escritas e lingua galega, “que sitúen a súa trama na Galicia rural ou que concedan a esta un protagonismo relevante na narración”, segundo as bases, que tamén establecen unha extensión mínima de 100 páxinas.

O prazo de presentación concluirá o 15 de decembro deste ano e o ditame do xurado farase público no mes de febreiro do 2022. O premio consitirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia e nunha contía de 2.000 euros.

As bases do premio poden consultarse aquí:

Bases II Premio de Novela da Galicia Rural

Artigos relacionados

Back to top button