O Concello de Sober iniciou hoxe, 22 de xullo, o servizo de “Xantar na Casa”. A iniciativa busca facilitar e garantir unha alimentación de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores dependentes ou en risco de exclusión para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa alimentación.
O Goberno local do Concello de Sober integrouse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar co obxectivo de formar parte dos concellos galegos que pertencen ao programa “Xantar na Casa”.
Tal e como explica o alcalde, Luis Fernández Guitián, a Xunta asume o 50% do gasto, a través da Consellería de Política Social, o 25% o Concello e o outro 25% a persoa que se incorpora ao servizo. “É un dos compromisos que figuraban no programa electoral que vén de ser cumprido”, precisa.