En portadaÚltima hora

O Concello de Viana do Bolo confirma 21 positivos por Covid, un deles hospitalizado

O primeiro brote detectado o 18 de agosto suma 15 casos, o segundo, feito publico onte, cinco e hai tamén un caso illado, segundo explica nun bando o alcalde, Secundino Fernández

Casa do Concello de Viana do Bolo.

 

O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, vén de emitir un bando no que sinala a existencia de 21 positivos por coronavirus no municipio. “O primeiro gromo existente en Viana acada as quince persoas afectadas polo COVID-19. Estas persoas, de momento non necesitaron hospitalización, están todas no seu domicilio en corentena. Todos os afectados pertencen ao mesmo grupo familiar. Mantense estable o numero de positivos dende fai tres días”, asegura o rexedor.

Ademais, Secundino Fernández refírese a un segundo gromo “con cinco persoas afectadas polo COVID-19. Este gromo non ten vínculo co anterior. Destas cinco persoas positivas unha esta hospitalizada en Ourense, mentres cas outras catro están en corentena no seu domicilio. Todas pertencen ao mesmo grupo familiar. Trátase dun gromo de orixe importado”. E ademais confirma “outro caso illado” e indica que dese total de 21 positivos hai “unha persoa hospitalizado en Ourense (segundo datos do SERGAS)”, tal e como indica o bando publicado.

Ademais, Secundino Fernández sinal que “tamén se me comunicou que se están realizando probas diagnósticas a todas as persoas que estiveron en contacto seguindo os protocolos médicos que ten establecido a consellería de Sanidade da Xunta de Galiza. Tamén se activou o protocolo de rastrexo destes casos. Lembróuselles que deben permanecer en corentena e no caso de ter calquera sintomatoloxía ou dúbida deben pórse en contacto cos servizos sanitarios”.

O alcalde vianés diríxese tamén no bando ás persoas infectadas para darlles moito ánimo, “así como desexarlles unha pronta recuperación, sobre todo á persoa hospitalizada. Dende o Concello pómonos a súa disposición para axudar no que precise a nivel persoal. Dita disposición para axudar xa foi posta no coñecemento das autoridades sanitarias da Xunta”.

Así mesmo, Secundino Fernández pídelle á veciñanza de Viana do Bolo que siga cumprindo as normas, manteña e intensifique “as medidas de protección persoal, usar a máscara, lavar as mans, manter a distancia de seguridade e demais normas de protección. Pedimos tranquilidade e serenidade, dende o Concello estamos en contacto constante coas autoridades sanitarias e tomaranse todas as medidas para defender a saúde de toda a veciñanza”, conclúe.

O bando municipal pode consultarse aquí:

BANDO SEGUNDO GROMO

Artigos relacionados

Back to top button