Mantense en Viana do Bolo a prohibición do consumo de auga potable no municipio. Esta tarde, o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, emitía un novo aviso lembrando esa prohibición, tras a rotura dunha canalización nunha balsa de lodos do centro de Mineiro de Penouta, que afectou á rede de abastecemento do núcleo de Viana doBolo.
“A empresa Viaqua continúa a desenvolver os traballos de limpeza nos depósitos municipais e na estación depuradora, e realizando tamén a analítica necesaria en lugares puntuais da rede de abastecemento municipal. Como os resultados destas análises seguen tendo un nivel de turbidez que supera os máximos establecidos no RD Lei 140/2003, de calidade das augas, aconséllasenos que se manteña a prohibición de consumo desta auga, tanto para beber como para cociñar, podéndose empregar unicamente para fregar ou para o aseo persoal”, asegura o rexedor.
Así mesmo, no aviso do Concello apúntase que “a empresa Viaqua vén de comunicar a esta alcaldía que ao longo do día de mañá, 5 de outubro, espera ter resolto este problema, polo que desde o Concello seguimos lamentando que esta situación siga a alongarse no tempo. No momento en que a situación se resolva ,comunicarémolo á veciñanza, o mais axiña posible”.