O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantiña esta semana no Pazo Provincial unha reunión de traballo co alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos. Esta xuntanza enmárcase nos contactos que o titular do goberno provincial mantén cos alcaldes ourensáns para escoitar as súas necesidades e formular posibles liñas de cooperación.
No transcurso deste encontro, Manuel Baltar trasladou ao rexedor vianés a información dos técnicos da administración provincial referida ás actuacións que está a realizar a Deputación para o arranxo da estrada que comunica Vilariño de Conso e Trives (OU-0701), ao seu paso por Viana. O goberno provincial ten “un inequívoco compromiso co mantemento da rede provincial de estradas, e este treito non vai ser ningunha excepción”, afirma Manuel Baltar antes de sinalar que se está traballando nas opcións máis axeitadas para acondicionar a calzada.
Andrés Montesinos, pola súa banda, solicitou a colaboración da Deputación para dotar de herba artificial ao campo de fútbol de Viana. Un proxecto deseñado en base a un convenio de colaboración a tres bandas –Xunta de Galicia, Deputación e Concello- e que se poderá acometer unha vez finalice a presente tempada. Manuel Baltar comprometeu a participación do goberno provincial nesta mellora, “seguindo así a liña de colaboración que, en cuestións como esta, mantemos con outros concellos da provincia”.
O alcalde de Viana do Bolo agradeceu a receptividade do presidente da Deputación a esta proposta, subliñando “a fluída atención coa que sempre son escoitadas as nosas necesidades”.