
Este próximo luns comeza unha nova campaña de escavación no xacemento arqueolóxico de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras, promovidos polo Concello de Vilamartín. Este xacemento fora inicialmente escavado décadas atrás polo grupo de “Los Escarbadores” e logo polo arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra xa no verán do 2019. Meses despois era Sputnik Labrego que realizaba unha campaña que, dende entón, vense mantendo de forma anual co apoio do Concello.
Os obxectivos deste ano estarán enfocados a rematar a escavación dalgunhas estruturas xa coñecidas, como o edificio interpretado como unha fragua de época tardorromana, así como un pequeno almacén situado na parte alta do sitio. Porén, a parte substancial desta campaña é continuar coa consolidación das estruturas arqueolóxicas do sitio. “Despois de tantos anos de escavación, máis de cincuenta desde que estiveran os Escarbadores non se fixo unha consolidación das estruturas, moi fráxiles despois de 2000 anos escondidas. Isto permitirá a súa conservación cara ao futuro da comarca”, segundo informa o equipo.
Como outros anos, as escavacións contarán con alumnos do Master Universitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüedade da Universidade de Santiago de Compostela. Media ducia de estudantes de arqueoloxía estarán as tres semanas que durará a escavación para aprender a metodoloxía de campo no xacemento.
Todas as persoas que estean interesadas en visitar o xacemento poderán facelo entre as 10 da mañá e as 15 horas da tarde.
As intervencións realizada ata o de agora supuxeron “a recuperación dun dos contextos romanos máis completos de todo o oriente de Galicia. Concretamente, os traballos desvelaron dous grandes espazos de construcións que a equipa interpreta como unha fragua de ferramentas e obxectos de metal de época tardorromana e as vivendas das familias que se ocupaban destas tarefas”.
