
As cifras do coronavirus non deixan de medrar en Xinzo de Limia. Esta mañá o Concello notificaba que neste 18 de xaneiro a localidade acadaba un “novo pico histórico, con 203 casos nunha poboación de menos de 10.000 habitantes, un dos índices máis altos do país”.
Ante esta situación o Concello de Xinzo de Limia, cuxa alcaldesa é Elvira Lama, vén de publicar un bando municipal no que se “adianta o toque de queda local, pola vía da recomendación”, entre outras medidas complementarias.
Así, o Concello suspende “as actividades sociais, culturais, deportivas ou similares que se desenvolvan en instalacións e recintos municipais, e nomeadamente recintos e instalacións deportivas, culturais e musicais, parques infantís e biosaudables; agás as actividades dos centro de ensino oficial, biblioteca municipal e a actividade institucional e laboral do concello, que deberá axustarse aos protocolos de seguridade e prevención de riscos que están previstos e coas liimtacións do Decreto 3/2021 do 13 de xaneiro”, tal e como sinala o bando municipal.
Así mesmo recoméndase “a toda a poboación que, na medida das posibilidaes adianten o toque de queda ás 20h. e permanezan nos domicilios evitando as reunións de non conviventes, evitando saír dos domicilios agás para o estritamente necesario”.
Tamén se recomenda no bando que os establecementos de comercio polo miúdo, “en solidariedade e colaboración co sector hostaleiro e para reducir a mobilidade, adianten o horario de peche ás 18h., agás os establecementos esenciais que se recolla no Real Decreto do Estado de Alarma”.
