
A Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán será de novo o escenario das actividades do Samaín organizadas pola Concellaría de Cultura do Concello do Barco. Na noite do xoves 31 de outubro ao venres 1 de novembro, un total de 25 nenos de entre 9 e 12 anos poderán gozar de xogos, talleres, aventuras e historias de medo.
Todos os interesados en participar nesta actividade deben inscribirse na Biblioteca, a partir de mañá, xoves 16 de outubro e ata o día 30, aínda que a inscrición tamén poderá quedar pechada cando se completen as 25 prazas existentes. “Nesta noite de reinicio do calendario no mundo celta, recomendase aos nenos que acudan disfrazados, con sorpresas para os mellores. As actividades comezarán ás oito da tarde do día 31, e incluirán xogos tradicionais do día de Samaín, talleres de cabazas e historias de medo”.
Trátase dunha noite na que calquera cousa pode ocorrer, polo que os participantes deberán estar atentos e vixiantes para non caer nos brazos da Santa Compaña. Ademais das actividades que xa se organizaron en anos anteriores, nesta ocasión contarase como novidade cun espazo de contacontos a cargo de Marta Ortiz.
Tanto a cea como o almorzo están incluídos, sendo unicamente necesario traer saco de durmir e esteira para pasar a noite. “Quen prefira durmir na casa, poderá asistir só ao escape room que terá lugar entre as oito e as dez, e que contará con dúas quendas de participantes que deberán resolver un misterio para saír, con sorte, da biblioteca”, explican dende o Concello. Para quen durma na biblioteca, o horario de saída vai desde as 9 ata as 10 da mañá do venres 1 de novembro.