O Concello do Barco vén de anunciar que a partir do próximo luns, 12 de febreiro, porase en marcha a modificación do tráfico rodado na localidade de Veigadecabo, “onde de fixo necesario o establecemento de dirección única para garantir a seguridade tanto dos condutores de vehículos como dos viandantes”, segundo esta administración local.
A localidade de Veigadecabo está atravesada por unha vía que comunica a rúa Caleras coa localidade do Castro e que nestes momentos é de dobre dirección, “provocando innumerables problemas debidos tanto as curvas que ten esta vía, en medio de varios edificios, como á estreitez do mesmo. Todas estas condicións impiden que os condutores poidan verse antes de que se atopen un fronte a outro, o que provoca que algún deles teña que dar marcha atrás, con nula visibilidade e xerando perigos tanto a outros condutores como aos peóns que poidan circular por alí”, segundo o Concello do Barco.
Cos cambios decididos para este lugar, “a vía entre a Rúa Caleras e o cruce co camiño das Tres Marías será de dirección única en sentido ao Castro. Os vehículos que, procedentes do Castro, queiran chegar ata o centro do Barco deberán baixar polo Camiño das Tres Marías”, continúa o Concello do Barco.
Así mesmo asegúrase que esta nova ordenación do tráfico “xa foi comunicada aos habitantes de Veigadecabo” e que se manterá “durante os próximos dous ou tres meses, para logo facer unha valoración e decidir, en función dos resultados, manter a nova ordenación ou volver á situación actual”.