ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco pedirá á Xunta “activar a atención presencial en Atención Primaria”

Era unha das cuestións incluídas na moción presentada polo BNG no pleno celebrado onte, e que resultaba aprobada

O concelleiro do BNG Suso Vilasánchez nunha sesión plenaria.

 

Cos votos a favor dos concelleiros socialistas, de Riada Cidadá e do BNG saía adiante no pleno celebrado na tarde de onte no Barco a moción sobre reactivación da asistencia sanitaria que presentaba o edil nacionalista Suso Vilasánchez. En contra votaba o PP.

A moción recolle que o Concello do Barco instará á Xunta a “realizar de inmediato todas as accións necesarias para activar a atención presencial en Atención Primaria”, a “establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria”, a “aumentar nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso”, así como a “aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25% do orzamento sanitario, no inmediato 200 millóns de euros”.

Tamén se pedirá a modificación do decreto que regula as áreas e os distritos sanitarios e a publicación das “listas de espera hospitalarias, xunto cun plan de choque para reducilas”.

O grupo municipal do PP presentaba unha emenda transaccional á moción do BNG, pedindo incluír o seguinte texto: “instar á Xunta de Galicia a que siga desenvolvendo o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 e mantendo o seu compromiso coa dotación de medios humanos e materiais á rede de Atención Primaria de Galicia”. A emenda foi rexeitada polo edil Suso Vilasánchez “por ser contraria á visión sindical no tocante a recursos humanos como mínimo”, indicaba.

 

Pleno da corporación barquense.

 

Artigos relacionados

Back to top button