A recente sentenza que condena ao Concello do Barco a pagar case 500.000 ao persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) por vulneración de dereitos fundamentais, como a falta de formación preventiva ou coordinación a súa actividade será recorrida por esta administración local. Así o sinalaba o alcalde barquense, Alfredo García, na sesión plenaria do 3 de outubro, respondendo a unha intervención do voceiro municial do PP, Antonio Melo, quen facía unha proposta relativa a esta cuestión que incluía “unha reunión urxente da xunta de portavoces municipais para estudar en profundidade medidas tendentes a que no futuro non se volvan a dar situacións similares, unha xuntanza dos voceiros cos traballadores para escoitar e recoller as súas propostas e que os portavoces estuden e propoñan nun pleno extraordinario a valoración ou non de apelar a sentenza”.
Así mesmo, Melo engadía que “a postura deste grupo municipal será sempre propor solucións extraxudiciais, propiciando a sintonía e o acordo coa demanda dos traballadores, e que repercutan nun ambiente laboral adecuado para mellorar os servizos que o GES proporciona aos seus cidadáns. Entendemos que o seu traballo é sempre en situación de risco, e iso necesita toda a dedicación e ningún atranco para poder exercer o seu labor”. E concluía pedíndolle ao Concello que “agarre o touro polos cornos” e que “arranxe a situación”.
Alfredo García respondía que “o touro está agarrado polos cornos porque imos recorrer e hai un prazo para facelo, imos presentar o recurso, entre outras cousas porque había unha primeira sentenza que dicía que non tiñan dereito a indemnización, eles recorreron doutra forma e hai unha segunda sentenza doutro xuíz que di que si o teñen, polo tanto, terá que haber un terceiro xuíz que estea por riba dos outros dous e que sitúe o tema onde está”.
Ademais o rexedor sinalaba que “este Concello non lle dá formación á Policía Local, os policías van á Axencia Galega de Seguridade a recibila. Non me consta que haxa algún concello dos 30 que temos GES que estea dándolles formación, é a Axenda Galega de Seguridade a que llas dá e este Concello autoriza todas as peticións de formación que solicitan os membros do GES e tamén as autoriza para que se lle paguen os desprazamentos e os gastos que esa formación ocasione. A pesar diso tivemos unha reclamación de que non lles dabamos formación, e démoslla, que non lla dá ninguén. A nivel de EPIs nós mercámoslles todo o material que piden, polo tanto, creo que estamos facendo as cousas ben”.
Recollía tamén Alfredo García a proposta popular dunha xuntanza. “Non teño ningún problema en que nos reunamos portavoces un día e expliquemos o que está pasando sobre este tema. O alcalde trasladoulle esa sentenza á Dirección Xeral de Administración Local e díxome que ía convocar unha reunión que, por certo, dende o ano pasado non se volveu convocar nin unha soa mesa de seguimento dos GES e pedímola para buscar solucións. Os GES non poden seguir porque os Concellos de menos de 20.000 habitantes non teñen ningunha competencia en seguridade, os que a teñen son a Xunta e a Deputación. Hai unha diferenza total entre o que está facendo o Concello do Barco e o que están facendo outros moitos concellos e, sen embargo, o resultado é que este Concello está todos os días no Xulgado”, concluía.