O Concello do Barco vén de publicar un bando no que fai un chamamento á cidadanía para que faga un “consumo responsable da auga”. Neste bando sinálase que a escaseza de choivas durante os últimos meses complicou o verán e canto a reservas de auga e xa hai núcleos rurais, como por exemplo este, que empezan a ter problemas no abastecemento”.
Neste senso, dende o Concello indícase que “para aliviar a situación faise necesario que todos tomemos conciencia do problemas e fagamos un consumo de auga responsable, polo que vos pedimos un novo esforzo de colaboración para conseguir manter as reservas o máximo tempo posible, mantendo os niveis adecuados de auga nos depósitos de abastecemento”.
Ademais, ante a situación, o Concello do Barco anuncia que se van tomar as seguintes medidas: “só se poderá facer uso da auga de abastecemento para destinala ao consumo doméstico, polo que con ela non se deberá encher piscinas, elementos semellantes ou depósitos, regar hortas e explotacións agrícolas, lavar vehículos ou patios”.
Tamén di o Concello do Barco que se vixiarán as perdas na rede de abastecemento e que se controlarán “os consumos domésticos para que non haxa abusos e así derivar derroches que prexudiquen ao normal abastecemento”.
O bando municipal, asinado polo alcalde en funcións, Aurentino Alonso, conclúe sinalando que “facemos este chamamento aos veciños e tamén os habitantes non empadroados que veñen a desfrutar das súas vivendas neste período estival para que tomen conciencia da necesidade de realizar un consumo racional, axustado e solidario da auga”.
O bando pode consultarse aquí:
Bando_Uso_Responsable_Auga