ConcellosO BoloÚltima hora

O Concello do Bolo reabre o servizo de información turística de xeito continuo

Despois do parón dos últimos meses retoma a súa actividade a partir deste sábado 23 de marzo

Visitantes no Santuario das Ermitas./ Foto: Concello de O Bolo.

 

Despois do parón dos últimos meses o servizo de información turística do Concello do Bolo retoma a súa actividade a partir deste sábado 23 de marzo d. A partir desta data o servizo estará en funcionamento de xeito continuo de venres a domingo en horario de 10 a 14:30 horas repartido entre tres dos puntos turísticos que se poden visitar deste concello. As visitas guiadas serán cunha guía oficial de Galicia para ofrecer toda a información sobre o castelo medieval, o santuario das Ermidas e o Museo Yosso. Así mesmo reactivase o teléfono de información turística e de reservas de visitas: 606 01 71 05.

O horario será de venres a domingo e tamén se abrirá os festivos. O guiado de balde farase de 10 a 12 horas no Santuario barroco das Ermidas de venres a domingo e festivos marcados. O Castelo medieval ten unha entrada especial de 2 euros para público xeral e outra reducida para xubilados, grupos, parados e escolares, sendo de balde para os veciños que estean empadroados no concello amosando o seu DNI. A súa visita guiada será de venres a domingo, e festivos, de 12:30 a 14:30 horas. Pola súa parte o Museo Yosso, único museo pictórico en Valdeorras, abrirá as súas portas, os sábados, sempre con reserva previa de 13:30 a 14:30 horas.

O Concello do Bolo e o seu alcalde, Alberto Vázquez, consideran o turismo como “un dos sectores cruciais por ser un importante instrumento de dinamización económica, sendo esencial para a súa dinamización este servizo de información turística que se pon agora en marcha de xeito continuo”. De aí que dende o Concello queran ofrecer este servizo e así “axudar aos establecementos comerciais e hostaleiros da zona a dar unha mellor atención aos visitantes que se achegan ás terras do Bolo”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button