En portadaÚltima hora

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra presenta un novo produto turístico que mestura aventura e tecnoloxía en Fitur

Denomínase “Búskalo en Ribeira Sacra” e prevese a súa posta en marcha cunha proba piloto na vindeira Semana Santa
O presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, en Fitur.

A Ribeira Sacra convertirase nunha gran sala de escape ou escape room co novo produto turístico que vén de crear o seu Consorcio de Turismo. Denomínase “Búskalo en Ribeira Sacra” e presentábase nesta mañá de 24 de xaneiro no marco da feira internacional Fitur en Madrid.

Ataviados cunha tablet cunha aplicación de realidade aumentada, unha libreta para tomar notas, un cronómetro cunha conta atrás e unha mochila con múltiples compartimentos pechados con candados, os visitantes deberán resolver os enigmas que se atope nno camiño para conseguir finalmente “escapar” no tempo marcado. Aventura, innovación e novas tecnoloxías, son en opinión do presidente deste consorcio de turismo, Luis Fernández Guitián, “a sinerxia perfecta que permitirá desenvolver esta actividade adaptada para todos os públicos, con ou sen experiencia neste tipo de actividades”.

Así o sinalaba en Fitur, nun acto no que se contaba cos delegados da Xunta de Galicia en Ourense e Lugo, co vicepresidente da Deputación de Ourense e co presidente da Deputación de Lugo, ademais de con alcaldes deste territorio como os de Monforte de Lemos, Parada de Sil, Castro Caldelas, Pantón, Bóveda e co concelleiro de Turismo de Quiroga, entre outras autoridades.

 

Autoridades asistentes á presentación do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra en Fitur.

 

Con este novo produto o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra pretende “crear unha oferta atractiva para todos os públicos e, en especial, para as familias, dando cabida a todos os municipios que compoñen o territorio”. Outro dos obxectivos marcados é a “tematización e temporalización da actividade, así como a fidelización do visitante. En definitiva, trátase dun produto cuxas opcións permiten a súa adaptación a calquera entorno e época do ano, o que conlveva unha durabilidade e posible adecuación ás necesidades do mercado en cada momento”, segundo o seu presidente.

Prevese a posta en marcha dunha proba piloto de “Búskalo en Ribeira Sacra” para a vindeira Semana Santa coa intención de ampliar as propostas ao longo do ano. Luis Fernández Guitián concluía a súa intervención anunciando o inicio da nova tempada de voos en globo, que se iniciará a partires do 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

Artigos relacionados

Back to top button